O PP proporalle a Sánchez Bugallo que a utilización dos remanentes responda nestes momentos á idea de “menos cemento e máis solidariedade”
Para os Populares, cando menos cinco millóns de euros, dos oito agora dispoñibles, teñen que dedicarse a axudar aos sectores máis damnificados pola crise socioeconómica
Aínda conscientes da necesidade permanente de acometer obras de conservación ou mellora, o Grupo Municipal Popular considera que, na situación actual, a utilización dos oito millóns de euros de remanentes debe responder á idea de “menos cemento e máis solidariedade”.
Así, o grupo Popular vaille propoñer ao alcalde que, neste momento, priorice as axudas ás persoas sobre as obras e que estas non consuman a maior parte do remanente. “Nunha situación tan delicada como a actual non se entendería ben que a maior parte do remanente vaia a obras que non sexan indispensables, tendo como temos centos e centos de pequenos negocios ao borde da desaparición e tantas persoas nunha situación moi precaria”, sinalou o portavoz Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, quen tamén dixo que as obras poderán ter outra oportunidade no próximo orzamento do 2021.
Para os Populares, cando menos cinco millóns de euros teñen que dedicarse a axudar aos sectores máis damnificados pola crise socioeconómica xerada pola Covid, reservando tamén unha cantidade significativa para reforzar determinadas entidades sociais que están a cubrir as necesidades básicas de moitos cidadáns.
Obras
Entre as actuacións urbanísticas que si poderían atopar un moderado encaixe na bolsa dos 8 millóns de euros, os Populares trasladaranlle a Sánchez Bugallo a posibilidade de empregar parte do remanente para acadar xa o próximo ano o rescate dalgún dos parkins concesionados do Ensanche, -a fin de garantir prezos públicos asequibles- ou para acometer o arreglo do Campus Sur -espazo que compre facer accesible para vivencia dos santiagueses- ou a cubrición dalgún parque infantil.