miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Hematoloxía do CHUS obtén a prestixiosa certificación 'Jacie'

Hematoloxía do CHUS obtén a prestixiosa certificación 'Jacie'
Hematoloxía do CHUS obtén a prestixiosa certificación 'Jacie'



Valida que se opera cun sistema de xestión de calidade eficaz, que os procedementos se levan a cabo de acordo coas normas internacionais establecidas, e que todo elo se fai coa implicación e coordinación de todos os profesionais que interveñen

O Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza acaba de obter a certificación JACIE (Joint Accreditation Committee of the International Society for Cellular Therapy and the European Group for Blood and Marrow Transplantation). Trátase dunha acreditación europea e americana, das máis prestixiosas e esixentes no que respecta aos estándares de calidade no Programa de Transplante de Proxenitores Hematopoiéticos ou, o que é o mesmo, Transplantes de Medula Ósea.

Con esta acreditación, a área sanitaria compostelá convértese na primeira en Galicia en conseguir esta certificación e a sitúa entre as poucas españolas en recibir este recoñecemento.

A acreditación JACIE certifica o cumprimento dos estándares organizativos e de calidade na Área de Transplantes Autólogos e Aloxénicos en pacientes adultos e pediátricos, tanto na área de obtención celular de medula ósea e sangue periférica (banco de sangue) como na área de procesamento celular (Laboratorio de Criobioloxía, Cultivos e Terapia Celular do  Transplante).

Fundamentalmente certifica que se opera cun sistema de xestión de calidade eficaz, que os procedementos se levan a cabo de acordo coas normas internacionais establecidas, e que todo elo se fai coa implicación e coordinación de todos os profesionais que interveñen.  É o medio polo cal se pode demostrar un nivel de excelencia no transplante hematopoiético.

A obtención da acreditación JACIE supón a culminación dun longo traballo levado a cabo, dende 2013 no Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia, pola  doutora Mercedes Villamayor, o doutor Alfredo Campos e a doutora María Dolores Vilariño coa consecución e mantemento da acreditación pola Norma ISO 9001:2008, logo pola ISO 9001:2015 e continuando en 2019 coa acreditación segundo os estándares en hemoterapia da FCAT (Fundación para la Calidad en Transfusión Sanguínea, Terapia Celular y Tisular).

O xefe do servizo de Hematoloxía e Hemoterapia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, José Luis Bello López, afirma que “a certificación JACIE é a recompensa aos anos investidos na estandarización de métodos de traballo e que supón un esforzo por parte do equipo médico, de enfermería e do persoal técnico, ao ser a de máis alto rango nas normas internacionais de acreditación”.

O Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do CHUS puxo en marcha el Programa de Transplantes de Proxenitores Hematopoiéticos, dirixido polo doutor Bello, desde o ano 1993. Desde entón, realizáronse máis de 950 transplantes hematopoiéticos en todas as modalidades de TPH: medula ósea (7%), sangue periférico (90%) ou sangue de cordón umbilical (3%). Ao longo destes anos, leváronse a cabo 807 transplantes en pacientes adultos e 151 en menores.

O 44% dos TPHs realizados neste centro son de tipo complexo (Transplantes Alóxenicos). Nestes transplantes, o paciente recibe células nai hematopoiéticas provintes dun doador familiar compatible, ou ben un doante altruísta non emparentado inscrito nos rexistros internacionais, coordinados polo REDMO (Registro de Donantes de Médula Ósea) e a ONT (Organización Nacional de Trasplantes). Este tipo de transplantes realízanse máis frecuentemente en pacientes con leucemias agudas. Os transplantes autólogos sumaron o 55% realizados máis frecuentemente en pacientes con linfomas e mielomas.

Esta importante acreditación é un paso  máis que lle permitirá ao servizo de hematoloxía, nos próximos meses, a introdución de novidosas terapias antitumorais baseadas en inmunoterapia, como a terapia celular con linfocitos T modificados xeneticamente coñecidos como terapia CAR-T. Ditas terapias, con resultados cada vez máis prometedores, só están dispoñibles nun reducido grupo de hospitais españois. A implementación destas novas estratexias terapéuticas no CHUS suporán un avance substancial  para todos os pacientes oncohematolóxicos, que poderán beneficiarse destes tratamentos sen necesidade de trasladarse a hospitais doutras comunidades. 

Comentarios
Lo más