Piden ao alcalde que poña en marcha unha rebaixa fiscal no IBI para os comerciantes e hostaleiros
O Grupo Municipal Popular envioulle unha carta ao alcalde de Santiago, José Sánchez Bugallo, co fin de que poña en marcha unha rebaixa fiscal no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para os comerciantes e hostaleiros, posto que estes dous sectores están a ser seriamente prexudicados pola pandemia da Covid 19.
Desde hai meses, os Populares veñen propoñendo ao Concello de Santiago que outorgue axudas directas e alivios tributarios que teñan como destinatarios a aqueles emprendedores que máis sofren coas restricións que impiden o natural desenvolvemento das súas actividades, polo que cómpre, pois, unha política fiscal responsable e coherente coa situación.
Para elo, tal como lle indican o voceiro Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, e o vicevoceiro, Ramón Quiroga, ao alcalde e ao resto dos grupos nunha misiva, é necesario modificar a Ordenanza 1.01 relativa ao IBI, “a fin de ofrecer unha bonificación modulable de ata un 30% no recibo do IBI de 2021 no caso do comercio minorista (con exclusión de centros comerciais ou grandes superficies) e da hostalería, unha bonificación que se aplicaría a aqueles suxeitos pasivos que sexan os titulares no negocio ou tamén nos casos nos que o propietario do local lles repercuta o imposto”, sendo esta unha bonificación prevista na Lei de Facendas Locais que xa se ten aplicado en diferentes concellos.
Quiroga Limia insiste en que, tendo en conta que a recadación actual do Concello, que estivo máis de 10 anos aumentando o recibo do IBI, rolda os 34 millóns de euros -derivando a maior parte de bens de uso residencial-, e dada a existencia de notables remanentes, entendemos que a proposta sería perfectamente asumible considerando as circunstancias excepcionais e a necesidade de garantir unha equidade fiscal.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular solicita ao Grupo de Goberno que tramite, coa maior urxencia, a referida modificación da Ordenanza do IBI, incluíndo a mesma na orde do día dun inmediato Pleno extraordinario.
Axudas directas
O vicevoceiro Popular xa adiantou que o seu Grupo apoiará a proposta do Goberno de exonerar do pago do imposto de terrazas no ano 2021 aos hostaleiros pero, a xuízo do Popular, esta medida debe completarse con outras, como as propostas presentadas, xa no pasado mes de abril, polos Populares.
Ramón Quiroga destacou que, á medida anteriormente descrita deberíanselle engadir tamén axudas directas. Xa no pasado mes de abril, desde o Grupo Municipal Popular se lle propuxo ao Goberno local que se revisase o Orzamento deste ano e que se identificasen as partidas, que naquel momento xa se coñecía que estaban destinadas a necesidades prescindibles ou que non se ían executar.
Os Populares foron os primeiros en solicitar que se liberasen eses fondos, sen esperar aos remanentes, senón con cargo ao Orzamento ordinario, para constituír unha bolsa de, aproximadamente, 5 millóns de euros para axudas directas, pero o Goberno de Sánchez Bugallo no tomou en consideración a proposta Popular. Neste momento, existen 8 millóns de euros de remanentes do 2019, o Goberno local, con oito meses de retraso e despois de que o grupo Popular o pedise, decide dedicar algunha cantidade a axudas directas .
Por elo, o vicevoceiro Popular volve a insistir en que, como hai unha nova oportunidade polos remanentes e como non se habilitaron as axudas directas con cargo ao Orzamento ordinario no mes de abril, agora xa non se pode deixar escapar esta nova oportunidade e subliña que se fagan chegar axudas directas, non préstamos aos sectores máis castigados pola Covid 19.
Finalmente, Ramón Quiroga remarcou que a situación que están a sufrir moitos autónomos e pemes, particularmente no ámbito da hostalería e do comercio é xa desesperante. E, aínda que o primeiro é a saúde, non debemos esquecer a nosa obriga ética de impulsar as necesarias axudas a fin de favorecer a pervivencia do tecido socioeconómico.