Acordos da Xunta do Goberno
Así o decidiu a Xunta de Goberno Local, reunida este luns en sesión ordinaria
A Xunta de Goberno decidiu arrendar á Fundación Galicia Obra Social a planta baixa do edificio situado na rúa de Salvador Parga, número 4-5, coa finalidade de destinalo a Centro sociocultural da zona vella, por un importe de 2.904 euros (IVE engadido) para o que queda de 2020. O contrato, de 15 anos de duración, establece uns prezos, sen IVE, de 1.200 euros nas dúas primeiras anualidades; 1.400 euros para a terceira e cuarta ata a decimoquinta; e 1.700 euros para o período de prórroga co correspondente incremento de IPC e IVE. O local conta cunha superficie aproximada de 325 metros cadrados, á que se une o xardín ubicado na parte de atrás de case 245 metros cadrados.
Na reunión do executivo local tamén se acordou a tramitación dun expediente modificativo de crédito (modalidade de crédito extraordinario), para o Plan de Sostibilidade Turística. Incluirase unha nova aplicación orzamentaria nun novo proxecto de gasto que se creará desde a oficina de orzamentos para a xestión do proxecto, que conta cun orzamento de 3.000.000 de euros, financiados a partes iguais entre o Goberno Central, a Xunta de Galicia e o concello de Santiago. A aportación municipal será de 1.000.000 de euros, divididos en tres anualidades: 200.000 euro para o ano 2020; e 400.000 euros para os exercicios de 2021 e 2022. O crédito extraordinario finánciase con baixas por anulación da partida destinada ao subministro de electricidade; grazas á minoración do prezo KW/h. e o aforro enerxético de anos anteriores nas infraestruturas de alumeado municipal
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de modificado das obras de reurbanización da Rúa Clara Campoamor, financiado con Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cun gasto de 97.070,59 euros, IVE engadido. Esta partida destinarase á substitución da varanda, reposición e impermeabilización dun edificio afectado polos anteriores traballos, e pulido do formigón da praza. O prazo de execución estenderase a dous meses a contar dende a sinatura da acta.
Outro dos asuntos aprobados foi o expediente de aluguer dun local situado na Casa Parroquial de Barciela para uso sociocultural e asociativo da parroquia, no lugar de Sigüeiro. Acordouse a súa adxudicación ao Arzobispado de Santiago de Compostela, propietaria da devantida Casa Parroquial por un importe de 450 euros, IVE engadido. Tamén se deu conta do convenio mediante o cal o Consorcio e o Concello de Santiago colaborarán na redacción do Plan especial de Protección e Rehabilitacioin da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo cos seus xardíns e hortas, así como a zona de acceso e núcleos da contorna incluidos no Plan Especial 1R.