Demandan a convocatoria urxente do Consello de Administración de INCOLSA
A empresa pública vai cumprir os 3 meses sen reunirse, tal e como obrigan os seus estatutos
A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, tense dirixido ao alcalde Sánchez Bugallo para que, na súa condición de presidente de INCOLSA convoque, á maior brevidade posible, o Consello de Administración desta empresa pública encargada da xestión da política turística municipal, que non se reúne desde o pasado 30 de xullo, polo que en cuestión de días acadaranse os tres meses, prazo máximo fixado polos estatutos para a convocatoria.
Para a concelleira Popular, “non ten sentido esgotar -e menos aínda incumprir- o prazo establecido, cando estamos a atravesar unha situación de extrema gravidade, chea de incertezas e na que a crise sacude a todo o sector turístico”. Entre os motivos de relevancia que fan preciso a convocatoria na petición refírese á elaboración dun Plan de Sustentabilidade Turística sen contar cos grupos da oposición que poderían ter contribuído á súa elaboración con achegas construtivas. Un plan que non foi explicado ao Consello antes da súa presentación nin despois cando foi refeito para adaptar o orzamento inicial solicitado de 4 millóns de euros ao que finalmente foi concedido de 3 millóns de euros.
Outra das razóns da solicitude ten que ver co progresivo peche (ou non apertura) de establecementos hoteleiros de todas as categorías máis tamén a situación derivada desta segunda vaga da Covid-19 que mantén a cidade nun nivel 3, cun forte impacto novamente para o sector do turismo e, en especial, da hostalería; e por último, a situación que se está a producir na conectividade aeroportuaria.
Todas estas circunstancias motivan a petición da reunión do Consello de Administración para o que o Grupo Popular suxire que se inclúan, entre outros asuntos que poidan ser tratados, un balance das medidas adoptadas ao abeiro do plan de reactivación turística presentado polo Concello no pasado mes de maio; a explicación do Plan de Sustentabilidade Turística para coñecer os seus obxectivos e alcance, e as perspectivas e liñas de actuación para finalizar o ano 2020 e o primeiro trimestre 2021.