Dous nenos acudiron ao CHUS con lesións nos ollos causadas por xeles hidroalcohólicos
Os servizos de Pediatría e Oftalmoloxía da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza alertan sobre o risco en menores a causa das exposicións accidentais aos xeles hidroalcohólicos.
Aínda que a maioría dos casos que se ven son leves, nestes últimos días dous nenos da área sanitaria compostelá tiveron que recibir asistencia hospitalaria por unha afectación ocular grave.
Ante esta situación o xefe do servizo de pediatría, Federico Martinón, indica que “se hai unha exposición accidental nos ollos deste tipo de produtos, se debe actuar con rapidez lavando a zona con auga abundante e recibir asistencia médica inmediata”. Asemade, a responsable de urxencias pediátricas, Susana Rey, fai fincapé “na necesidade de manter estes xeles fora do alcance dos nenos e que o seu uso sempre estea supervisado por un adulto”.
Pola súa banda a doutora Teresa Rodríguez Ares, xefa de sección da unidade de córnea do servizo de oftalmoloxía da área, recorda que “se deben extremar os coidados sobre todo cos dispositivos que quedan á altura dos ollos dos nenos, pois este tipo de queimaduras poden deixar un dano ocular grave , orixinar úlceras corneais que poden requirir tratamento cirúrxico con perda de visión”.
Hai uns días o Servizo de Información Toxicolóxica do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, publicaba o aumento significativo de intoxicacións accidentais por xeles hidroalcohólicos en nenos durante a pandemia e pedía precaución co uso deste xeles.
Segundo Susana Rey, no que vai de 2020 aumentaron un 900% os casos de intoxicación con respecto ao total do 2019, e a maioría deuse a causa da inxesta en menores.