A biblioteca Ánxel Casal celebra o Día das Escritoras
Este luns
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal súmase á celebración do Día das Escritoras e acolle, no marco da súa programación de outubro, o recital Palabra de Muller no que baixo o tema O esforzo cotiá das mulleres leranse textos das escritoras homenaxeadas este ano. A actividade, coordinada por Lisístrata, está dirixida a un público adulto e desenvolverase o luns 19 de outubro ás 19.30h no salón de actos. É preciso recoller unha invitación no mostrador de información desde 1 hora antes do comezo da actividade.
Palabra de Muller é un recital onde persoas representativas da cultura e sociedade galegas porán voz á obra das escritoras homenaxeadas este ano no Día das Escritoras, contribuíndo a visibilizar e difundir o seu legado cultural, destacar o valor das súas obras, lembrar as dificultades ás que tiveron que enfrontarse e poñer en valor o esforzo cotiá das mulleres.
Leranse fragmentos das obras das seguintes escritoras: Teresa de Jesús, Rosalía de Castro, Dulce María Loynaz, Blanca Varela, Errose Bustintza (Mañariko), Elena Fortún, Sor Juana Inés de la Cruz, Ana María Matute, Josefina Carabias, Pura Vázquez, Luisa Carnés, Gloria Fuertes, Mercè Rodoreda, Idea Vilariño, Circe Maia, Emilia Pardo Bazán, Victorina Durán, Ida Vitale, Carmen Baroja y Nessi e Concha Méndez.
En aplicación das normas de funcionamento das bibliotecas de xestión autonómica a partir do 22 de xuño de 2020 ata o levantamento da emerxencia sanitaria en Galicia, a capacidade do salón de actos é máis reducida do habitual xa que debemos garantir a distancia de seguridade.Todas as persoas maiores de 6 anos deben levar máscara.
A nosa biblioteca súmase así á iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas (CyM) que organizan por cuarto ano consecutivo o Día das Escritoras.
A súa finalidade é difundir o legado cultural das escritoras do ámbito hispánico e hispanoamericano e lembrar as dificultades que, no pasado, impediron tanto o desenvolvemento da súa obra coma o xusto recoñecemento ao seu labor cultural.