Piden ao Concello medidas para o Día de Defuntos
O Grupo Popular propón que se leve a cabo un Plan ou dispositivo específico para regular, de forma anticipada, o acceso, os fluxos de persoas e os tempos de estancia no interior e na contorna do cemiterio, coa posibilidade de incorporar un servizo de cita previa para a visita ao camposanto
O Grupo Municipal Popular urxe ao Goberno local que poña en marcha un Plan de medidas para o Día de Defuntos, posto que quedan menos de tres semanas para dita celebración, unha das festividades de maior tradición e na que participa un gran número de persoas, que visitan os camposantos para lembrar e honrar aos seus seres queridos.
Para os Populares, resulta imprescindible que se leven a cabo e se publiciten debidamente as diferentes fórmulas que se deseñen para que estas xornadas, 1 e 2 de novembro, se poidan celebrar con total seguridade, tendo en conta o momento de especial que estamos a vivir por mor da Covid19.
O Grupo Popular propón que se execute un Plan ou dispositivo específico para regular, de forma anticipada, o acceso, os fluxos de persoas e os tempos de estancia no interior do cemiterio, coa posibilidade de incorporar un servizo de cita previa para a visita ao camposanto. Nesta previsión, poderían colaborar desde membros do estamento relixioso -a fin de alentar a desconcentración das visitas- ata establecementos comerciais vinculados con esta celebración como as florarías.
Os Populares tamén propoñen que se definan os aforos permitidos e os tempos de estancia, conforme ás recomendacións sanitarias e as reservas realizadas; a ampliación dos horarios de apertura e peche das instalacións, prevendo o correcto funcionamento dos sistemas de iluminación no recinto fúnebre, e habilitando tamén os días anteriores e posteriores para favorecer a necesaria desconcentración das visitas alén do propio Día de Defuntos; ademais do reforzo dos servizos de Policía Local e Protección Civil para garantir o control e seguimento das medidas implementadas.
Comunicación das medidas con tempo
Tamén se fai necesario un Plan de comunicación coa suficiente antelación para lograr a máxima difusión pública en todos os ámbitos e o reforzo das liñas de autobuses, para dar resposta á afluencia de persoas sen restrinxir as medidas de seguridade que se debe observar nos transportes públicos. Ademais de colocar unha sinalización informativa na contorna e no interior do cemiterio que ofreza claridade para o seguimento das medidas adoptadas e asegure as distancias de seguridade e unha circulación fluída das persoas visitantes e a incorporación de elementos propios para hixiene e desinfección (dispensadores de xel hidroalcohólico, papeleiras…)
As circunstancias especiais derivadas da pandemia da Covid19 fai que, este ano, a información e as previsións de organización deban extremarse para garantir que os desprazamentos e as estancias nos cemiterios se desenvolvan con seguridade, con certeza e con claridade para lograr a maior fluidez e comodidade, sen descoidar as normas sanitarias que se deben observar en todo momento.
Se o Goberno local ten comezado a traballar xa na organización da festividade de Nadal e Reis, para as que quedan máis de 3 meses, con maior razón cómpre priorizar a festividade de Defuntos para a que xa restan menos de 3 semanas.