Rexeitan a semipresencialidade no Antón Fraguas
O alumnado acode ás aulas so dous ou tres días cada semana
As familias do alumnado de 1° de Bacharelato do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela solicitan máis profesorado para evitar a "dura" semipresencialidade que soportan. O alumnado acode ás aulas so dous ou tres días cada semana.
A ANPA do Antonio Fraguas e as familias afectadas remitíronlle unha carta ó Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que lle expresan a súa fonda preocupación pola implantación da semipresencialidade en 1° de Bacharelato.
Este centro organizou os espazos conforme ás esixencias da nova normalidade imposta pola COVID-19. Isto obrigou a facer algúns desdobres de maneira que o cadro docente quedou escaso. O Antón Fraguas solicitou 16 novos profesores dos que so foron concedidos dez.
Con eses seis docentes a maiores, todos os cursos poderían ter clases presenciais. Ó negárselles ese incremento, a dirección decidiu implantar a semipresencialidade so en 1° de Bacharelato por ser 2° o curso no que se enfrontan ás probas da ABAU.
Deste modo denuncian que os alumnos de 1º reciben so o 50% das clases. O resto dos días fan deberes sen o apoio on line nin nada parecido.
Esta situación é claramente discriminatoria e crea unha desigualdade entre o estudantado da que se verán as consecuencias cando se lles pida unha media para acceder a estudios superiores.
De non recibir unha resposta á maior brevidade, pois o curso avanza, as familias valoran a posibilidade de realizar protestas na rúa.