Enfermeiras da área sanitaria de Santiago, premiadas nas xornadas internacionais 'Factor WeNURSE. Unconventional Enterpreneus in Health'
Os traballos galardoados levaban por título “transformación magnética” (sobre a importancia formativa, a motivación e a creatividade) e “un mesmo obxectivo, en busca da clave perdida” (baseado na comunicación entre niveis asistenciais)
Enfermeiras da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e da Facultade de Enfermaría de Santiago, xunto a alumnas de grado, participaron na segunda edición das xornadas “Factor WeNURSE. Unconventional Enterpreneus in Health” que remataron o día 5 de outubro. A Universitat de Barcelona organiza estas xornadas no seno do proxecto de EIT Health “Empoderar ás mulleres na innovación en saúde" (WE Health). Trátase dun programa estratéxico cuxo obxectivo é mellorar a participación das mulleres na innovación en Saúde e nas actividades empresariais, proporcionando capacitación especificamente adaptada ás súas necesidades e inspirándoas e apoiándoas para avanzar na súas carreiras profesionais.
Ademais da Universitat de Barcelona, participan neste proxecto outras entidades como IESE Business School (España), Karolinska Institutet Sweden, Technische Universität München (Alemania), Grenoble Ecole de Management (Francia), Medical University of Lodz (Polonia), La Caixa Foundation (España) ) e Glintt SA (Portugal).
Nesta ocasión debido ás circunstancias excepcionais con motivo da pandemia do coronavirus as xornadas desenvolvéronse íntegramente on-line. No primeiro día traballouse en equipos sobre “A actitude de emprender” e “Rutas emprendedoras: mulleres saltando barreiras. Facilitación do emprendemento en enfermería dende unha perspectiva de xénero e interseccional”. No segundo día, por equipos, partiuse do reto de “Intraemprendemento saltando barreiras” a través da metodoloxía “Desing Thinking” para expor un proxecto innovador. Nas dúas xornadas, ademais, ofrecéronse testemuñas inspiradoras de enfermeiras innovadoras que “interemprenderon” nas súas institucións.
Participaron un total de 36 enfermeiras e estudantes repartidas en 7 equipos que proviñan de todo o estado. Cada equipo expuxo un proxecto innovador en intraemprendemento e o defendeu ante o comité avaliador das xornadas.
Os equipos dos que formaban parte enfermeiras da área sanitaria de Santiago e Barbanza recibiron o 2º e o 3º premio.
2º Premio: Equipo 2: Virginia Varela (Supervisora da Unidade de Cirurxía Cardíaca da área compostelá), Mireya Rodrígues (estudante de grado) e Sandra Vidal (Supervisora de Área de Docencia de Enfermería). Título do proxecto: “Transformación magnética”. Ofrecía unha intervención formativa para os mandos de enfermería en liderado transformacional e redeseño de postos co obxectivo de fomentar a creatividade e motivación na enfermería.
3º Premio: Grupo 1: Susana Mirás (Enfermeira especialista en Atención Familiar e Comunitaria, C.S. Santa Comba), Paula Rodríguez (estudante de grado de la USC), Lucía Ordoñez (Profesora da Facultade de Enfermería de la USC) e Bárbara Rodríguez (Enfermeira do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro Colorrectal). Título do proxecto: “Un mesmo obxectivo; en busca da clave perdida”. A idea tiña como obxectivo a mellora da comunicación entre niveis asistenciais a través de actividades gamificadas como a realización dun “escape room”.
O 1º Premio foi outorgado ao Equipo número 3: Julia González (Enfermeira especialista en xerontoxeriatría e profesora da Universitat de Barcelona); Estefanny Florez (Estudante de enfermería da Universitat de Girona) e Marta Maddalena Boggiano (Enfermeira e Master en Promoción de la Salud por la Universitat de Girona). Título do seu proxecto: “NURMEMODEL”. Elaborar un programa de acompañamento aos profesionais de nova incorporación, a través dun proxecto consensuado entre hospitais e universidades, creando un grupo de traballo multicéntrico.
Estas xornadas foron un foro de debate en enfermería para empoderar ás mulleres enfermeiras na innovación e o intraemprendemento nos seus organismos e institucións. A única representación galega, que foi a integrada por profesionais da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e da Facultade de Enfermería da USC, obtivo uns excelentes resultados.