miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Denuncian que o radar de Conxo 'sangra' a poboación con máis de 17.000 multas en tres meses

Denuncian que o radar de Conxo 'sangra' a poboación con máis de 17.000 multas en tres meses
Denuncian que o radar de Conxo 'sangra' a poboación con máis de 17.000 multas en tres meses

O voceiro Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, destacou, en rolda de prensa, que este radar “leva sangrado aos cidadáns nunha cantidade que pode superar os dous millóns de euros como cifra estimativa”

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu unha rolda de prensa na que denunciou o importante efecto sancionador do radar situado na estrada SC-20 ao seu paso polo barrio de Conxo que, en só tres meses, xerou máis de 17.000 multas. O Popular destacou que, nese tempo, este radar “sangrou aos cidadáns nunha cantidade que pode superar os dous millóns de euros como cifra estimativa”.

Tras facer unhas preguntas ao Goberno de Sánchez Bugallo para coñecer o alcance dos dous últimos radares colocados en Santiago, sobre todo o de Conxo, e os seus efectos económicos, “confirmamos así que estamos ante unhas cifras sancionadoras de escándalo”, subliñou.

Sánchez-Brunete quixo lembrar que, “en Santiago, anualmente, se incoan uns 34.000 expedientes sancionadores de tráfico no ámbito do termo municipal que xestiona o propio Concello, é dicir, nunha ampla área con numerosos viais e de moito tráfico”, pero se puido comprobar que, este radar en só tres meses, concretamente, desde o 6 xullo ao 6 de outubro, xerou 17.094 sancións, ás que hai que sumar ás pouco máis de 4.500 no necesario radar do Restollal que se impuxeron nos 10 últimos meses, desde o 10 de febreiro, o que significa, incidiu o voceiro Popular, que en Conxo “xeráronse máis da metade das multas anuais que se viñan dando en todo Santiago en todo un ano”.

Con estas cifras, “probablemente este radar de Conxo se sitúe xa no primeiro posto do ranking dos radares de maior efecto sancionador de Galicia, polo que o noso alcalde bate o récord mundial de velocidade en recadación e se revela como o Usain Bolt da recadación sancionadora”.

Alejandro Sánchez-Brunete incidiu en que en tres meses dito radar sangrou aos cidadáns nunha cantidade que pode superar os dous millóns de euros e non podemos esquecer, agregou, que “detrás de cada cifra hai un prexuízo persoal ou incluso un drama persoal ao recibir a multa, que como xa denunciamos varias veces se pode multiplicar polas notificacións infrutuosas”.

Engano dos orzamentos municipais

Na súa intervención, Sánchez-Brunete explicou que con isto “descubrimos a impostura, o engano dos orzamentos municipais, que estimaban un efecto moi limitado do radar, falaban dun centos de miles de euros, pero con estas cantidades podemos imaxinar o que se vai desviar a previsión orzamentaria”.

Para o voceiro Popular, esta situación colócanos ante “unha subversión da legalidade e a proporcionalidade tributaria a base de multas indiscriminadas que non teñen en conta a capacidade económica dos cidadáns, polo que instamos ao alcalde a que restitúa o que ten que ser a contención recadatoria, o que significa aplicar un tributos xustos e non multas inxustas, é dicir, que aplique tributos que teñan en conta a capacidade económica e, ademais, non están pensadas para soster servizos públicos”.

“Estamos ante un desaforo ante unha medida desproporcionada, sen efecto disuasorio, ou incluso sen necesidade, polo que o Goberno de Sánchez Bugallo converteu ese treito da SC-20 nun desolladero de condutores e fixo do radar unha trituradora de economías domésticas”, remarcou.

Sánchez-Brunete comprometeuse a facer todo o posible para “liberar aos cidadáns desta sanguixuela recadatoria que é o radar de Conxo, polo que imos a chegar ata o final no esclarecemento dos motivos que levaron ao Goberno local, da man dunha empresa, a promover este desaforo recadatorio, polo que vaticinou que este non será o derradeiro episodio da historia dun sistema de imposición e xestión de multas que debe ser revisado”.

Finalmente, o Popular quixo deixar un dato que podería resumir toda esta situación e engadiu que “o Concello de Santiago exerce catro tipos de actividades: de ordenación, de prestación de servizos públicos, de fomento e unha actividade sancionadora, o que significa un total de 60.000 actos administrativos, sendo multas o 85 % dos mesmos, fundamentalmente a condutores, o que indica que isto hai que repensalo”.

Comentarios
Lo más