Denuncian que o Goberno de Bugallo segue a incumprir o prazo de pago de facturas a provedores
O vicevoceiro do Grupo Popular , Ramón Quiroga, subliñou que, dos últimos datos publicados polo concello santiagués e o Ministerio de Facenda, pódese ver que Santiago é practicamente a única gran cidade galega que incumpre e lembrou que, xa no ano 2019, o Goberno local perdeu 15 millóns de euros para investir na cidade, por incumprir co prazo pago a provedores
O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular, Ramón Quiroga, ofreceu unha rolda de prensa na que advertiu ao Goberno de Sánchez Bugallo que, de seguir mantendo ou aumentando os incumprimentos no período medio de pagamento (PMP) das facturas de provedores do Concello de Santiago, as consecuencias deste atraso traerán como consecuencia que as pequenas empresas e o seu persoal non podan contar con liquidez. Esta situación xa foi advertida polos Populares reiteradas veces, a última no pasado Pleno, pero non obtivo resposta algunha.
Ramón Quiroga explicou que, con esta situación de incumprimento de pago, a expensas da publicación do texto do novo Decreto de Remanentes, poderíase dar o caso de que o Concello non puidera destinar a investimentos os fondos que vai acumulando pola escasa execución orzamentaria, véndose na obriga de destinar ese superávit aos bancos, co fin de amortizar a escasa débeda municipal.
O Popular subliñou que, dos últimos datos publicados polo Concello santiagués, pódese ver que Santiago é practicamente a única gran cidade galega que incumpre con estes pagos e lembrou que, xa no ano 2019, o Goberno local perdeu 15 millóns de euros para investir na cidade, por incumprir co prazo pago a provedores e por unha incapacidade manifesta de xestión, polo que de seguir con esa tónica este ano podería deixar de investir outros 10 millón.
Así mesmo, Quiroga denunciou que a actuación neglixente do Goberno de Sánchez Bugallo podería obrigar ao Concello a ter que indemnizar a cada pequeno provedor por tres vías: cun pago de 40 euros a cada Peme/autónomo/profesional; cunha indemnización polos danos ocasionados polo impagos; e, ademais, tendo que aboar un 8% de xuros a cada un deles. Ademais, tería pendente de pagos máis de 4 millóns de euros a pemes, profesionais e autónomos.
Na súa intervención, o vicevoceiro Popular tamén incidiu en que este comportamento do Goberno de Sánchez Bugallo, nun momento de grave crise social e económica, tamén pode supoñer o peche de negocios dependentes de autónomos, profesionais e Pemes e remarcou que, no ano 2019, o Goberno local o rematou con 21,4 millóns de euros pendentes de pago, a pesares de ter 36,1 millóns nos bancos.
Afectación a empresas, traballadores e investimentos municipais
Quiroga Limia indicou que cómpre lembrar que a morosidade no pagamento a provedores, ou, o que é o mesmo, no abono das facturas por servizos prestados á Administración, ten dúas graves consecuencias: por unha parte, supón un gran problema para a economías das pequenas empresas e dos autónomos que ven limitada a súa liquidez para facer fronte aos seus propios subministros e, sobre todo, para o pagamento das nóminas do seu persoal, un atraso que conleva, ademais, a obriga para o Concello de ter que pagar intereses de demora.
A maiores, o incumprimento impídelle á Administración municipal empregar os seus propios remanentes, na súa maioría obtidos dunha falta de execución orzamentaria, para financiar novos investimentos, como ten acontecido durante os últimos anos, tendo a obriga de destinar eses recursos ás entidades bancarias, para amortizar unha débeda que é cada paso máis reducida, mentres se pospoñen obras e servizos por falta de financiamento.
Atrasos que superan os 100 días
Ramón Quiroga lembrou tamén que, durante o pasado mandato de Compostela Aberta, os Populares denunciaran esta morosidade do Concello, posto que foi a tónica habitual, chegando a incumprir, durante 11 meses seguidos, o prazo de 30 días establecido legalmente ata acadar os 87,58 días en outubro de 2018.
No ano que leva no Concello o actual Goberno socialista, os promedios son aínda máis preocupantes, posto que en 9 meses o período legal foi amplamente superado, chegando a superar os 100 días en agosto e setembro de 2019 (101,55 días e 100,34 días, respectivamente) e se situou arredor dos 50 días nos últimos meses de maio e xuño de 2020 (50 e 47,13 días, respectivamente).
Na rolda e prensa, Ramón Quiroga deu exemplos concretos, así, por entidades municipais, a maior desviación do período de pagamento correspóndelle ao Refuxio de Animais que incumpriu amplamente todos os meses, ata acadar os 260,25 días en maio de 2020; seguido do propio Concello e do Auditorio de Galicia, que incumpriu o PMP durante 7 dos últimos 12 meses dispoñibles, chegando aos 54 días neste pasado mes de xuño.
Finalmente, o Popular destacou que, durante o mandato Goberno do Partido Popular, desde o mes de setembro de 2014 –data en que entrou en vigor a forma de cálculo actual- o PMP cumpriuse de forma escrupulosa durante todos os meses co límite establecido, ata o punto de realizar o pagamento medio en 9,04 días durante marzo de 2014.