Denuncian que a Xunta deixou sen comedor a metade das familias do CEIP de Pedrouzos
Así o expresan desde a ANPA do centro
A Consellaría de Educación decidiu excluír do comedor escolar a metade das familias do CEIP de Pedrouzos (Brión) que precisaban deste servizo, fundamental para a conciliación familiar e laboral. Os criterios usados para a adxudicación de prazas son "anacrónicos e non responden ás necesidades actuais que temos as familias", apuntan dende a ANPA. A falta de prazas de comedor é un problema que se arrastra desde hai anos, pero agora agrávase polas restricións a que obriga a pandemia da COVID-19.
Nun comunicado, a ANPA Andaravía apunta que "a Xunta de Galicia está, literalmente, ausente, por non dicir noutro planeta". Desde a ANPA do CEIP de Pedrouzos consideran que o papel do Goberno ha ser, precisamente, o de dar certeza e de garantir o acceso aos servizos en condicións de equidade e con todas as medidas de seguridade.
Tres semanas despois do comezo do curso, a única solución da Xunta consiste "en máis do mesmo, en colocar parches de voluntariado sobre un sistema á beira do colapso".
Para permitir desdobrar o servizo de comedor e así aumentar a capacidade do servizo, a Xunta de Galicia só autoriza a incrementar de 15 a 27 o número de voluntarias e voluntarias de comedor. Iso si, as persoas voluntarias deben ser pais, nais ou titores legais do alumnado do centro. Noutras palabras: o aumento de prazas no comedor, imprescindible para garantir a prestación deste servizo fundamental, está condicionada a que haxa 27 persoas que cumpran con ese requisito de vínculo co alumnado e teñan, ademais, a posibilidade horaria de colaborar de xeito altruísta.
Desde a ANPA apoian unha alternativa, na súa opinión máis viable: unha segunda quenda de comedor, excepcional, apoiada con monitoras e monitores de comedor profesionais. O colexio ten a capacidade organizativa para poder levala adiante, e conta tamén coa vontade do Concello para apoiala, asumindo a contratación deses monitores ou monitoras.