A Xunta de Goberno adxudica obras por preto de 1.200.000 euros
A Xunta de Goberno local, en sesión ordinaria, deu o visto bo á adxudicación de varias obras por un montante global de 1.218.022,76 euros, a maioría delas correspondentes ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña
A proposta do concelleiro de Obras acordouse adxudicar a execución das obras de renovación do céspede sintético e peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas á empresa PRACE SERVICIOS Y OBRAS SA, por un importe de 421.958,77 euros, IVE incluído. O seu inicio está programado para principios do mes de outubro e permitirá a instalación dun novo sistema de céspede sintético de altas garantías e prestacións deportivas.
As restantes obras adxudicadas encádranse no POS da Deputación da Coruña, a proposta do concelleiro de Medio Rural. As de reparación e consolidación da Ponte de Vidán adxudicáronse á empresa CONSTRUCCIONES D.OGANDO SL, por un importe de 376.649,68 euros (IVE incluído). Tamén se van levar a cabo traballos de mellora no parque infantil de Coto dos Olmos. Neste caso a empresa encargada será EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES SA, por un importe de 52.800,62 euros (IVE incluído). No acondicionamento da contorna do Centro Sociocultural da Gracia investiranse 240.693,68 euros, uns traballos que realizará ALCOMPTE GALICIA SL e que consistirán tamén na mellora da accesibilidade no propio centro e na creación dunha área de xogos e dun circuito biosaudable nas inmediacións. Por último, adxudícase a construción de dúas pistas polideportivas multiusos no lugar de Carregal e dun parque biosaudable no entorno da igrexa do Piñeiro no Eixo á empresa OBRAS Y VIALES DE GALICIA SL por un importe de 125.920,01 euros (IVE incluído).Para rematar o apartado de obras, acórdase conceder licenza para a restauración da Torre da Vela da Catedral e para a instalación de dous ascensores en edificio de vivendas situados na rúa Sánchez Freire, 38-44, no barrio de Conxo.