Hostalaría solicita a supresión de taxas municipais e prolongar o uso das terrazas ata finais de ano
A Asociación considera insuficiente a nova norma que permite abrir os espazos exteriores de ocio nocturno e demanda que se lles permita reabrir tamén no interior
Desde Hostalaría Compostela solicitan a supresión dalgunhas taxas municipais como a do lixo ata o verán de 2021 e que se facilite a actividade no exterior dos locais, poñendo en marcha sistemas como estufas de calefacción que permitan prolongar o uso das terrazas ata finais de ano.
En canto ao ocio nocturno, a entidade valora a nova orde da Consellería de Sanidade que permite a estes locais abrir nos seus espazos exteriores pero considera que é insuficiente pois moitos deles carecen de terrazas e aqueles que as teñen, tampouco poderán facer uso delas coa chegada do mal tempo. A Asociación demanda a supresión, con carácter inmediato, da orde do 15 de agosto da Consellería de Sanidade que obriga a pechar os locais da noite e establece a 1 da madrugada como horario máximo de feche en todos os locais de hostalaría.
Hostalaría Compostela reclama un diálogo directo coa Xunta de Galicia e o establecemento dunha folla de ruta consensuada con todo o sector que garanta a volta ao traballo dunha forma paulatina, rápida e segura. Outras cuestións que vén reclamando a Hostalaría Compostela son a prórroga permanente dos ERTE ata a plena recuperación do sector; axudas directas aos traballadores autónomos que non poden abrir os seus negocios, a exención nas cotas de seguridade social, así como a redución do IVE ata o 7%.