Piden ao Concello que axilice as labores de roza e limpeza de cunetas
Os Populares subliñan que existe un contrato específico para este fin, de case 400.000 euros anuais e que contempla a posibilidade de simultanear un mínimo de 4 equipos para actuar tamén na drenaxe das estradas
O Grupo Municipal Popular pídelle ao Goberno local que adopte as medidas necesarias para axilizar ao máximo os traballos de roza, limpeza e drenaxe de cunetas no conxunto da rede municipal. Así, a concelleira Popular, Ana Sabel, presentará un rogo no vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará o día 24 deste mes de setembro.
Ao longo deste ano 2020, téñense demorado máis alá do razoable as tarefas de roza e limpeza viaria que, tradicionalmente, se viñan desenvolvendo desde o mes de xuño, despois do habitual período de crecemento da vexetación, e antes do chegada das chuvias do outono e inverno. Estes traballos acostumaban a seguir un calendario e unhas previsións que este ano en ningún momento se fixeron públicas, o que fai que se intensifique o natural malestar que se manifesta en determinadas parroquias do rural pola demora, posto que a veciñanza descoñece a data aproximada na que a maquinaria vai actuar na súa contorna.
Sabel insistiu en que “aínda que os labores de roza se están a desenvolver cun ritmo menos áxil do necesario, estes non van acompañados da limpeza de cunetas e taxeas que aseguren unha axeitada drenaxe da rede viaria”.
A Popular subliña que existe un contrato específico para este fin, ao que se destinan preto de 400.000 euros anuais e que contempla a posibilidade da actuación simultánea dun mínimo de 4 equipos para actuar nas marxes viarias e debe ser rendibilizado para avanzar coa maior dilixencia neste cometido, antes de que cheguen as chuvias que compliquen aínda máis o déficit de seguridade na rede municipal por esta causa.
Finalmente, o Grupo Municipal Popular lembra que as actuais circunstancias derivadas da pandemia non poden xustificar un atraso tan evidente destes traballos. O feito de que este ano non se celebren con normalidade as festas nas parroquias, que viñan marcando –mesmo no prego do contrato- unha prioridade para este traballos, non poden facer que se relaxe o ritmo duns labores que, non debemos esquecelo, teñen máis de seguridade viaria que de simple mellora estética.