Denuncian a expulsión das labregas da Praza de Abastos
O sábado pasado impedíuselles o acceso as súas bancadas ao aire libre alegando que a normativa do Concello frente á covid o impedía
A xerencia da Praza de Abastos impediu este pasado sábado, 5 de setembro, que as labregas que venden as súas producións no entorno do mercado puidesen instalarse para desenvolver a súa actividade comercial. O motivo esgrimido foi a aplicación dunha nova normativa do Concello de Santiago para evitar a transmisión do Covid-19.
Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (FRUGA) denuncian este proceder, "xa que non existe ningún estudo que avale a suposición de que os postos de venda directa na Praza de Abastos de Compostela contribúan en maior medida á expansión do coronavirus que outras formas de comercio coma os postos fixos ou os supermercados, por exemplo, que si continúan abertos".
É máis, dende o SLG e a FRUGA "queremos lembrar que a venda ao aire libre é máis segura no actual contexto de pandemia que a realizada en ambientes pechados. Ademais, existe un protocolo sanitario creado pola Consellaría de Medio Rural para esta modalidade de comercialización que se aprobou para poder desenvolvela en pleno estado de alarma con totais garantías sanitarias". apuntan nun comunicado.