Comezaron as clases no ‘cole’ do Clínico
As sesións educativas dentro do centro teñen lugar na aula, na habitación do paciente, na unidade de coidados intensivos pediátricos e na de psiquiatría infanto-xuvenil, segundo as necesidades dos nenos e nenas
A Aula Hospitalaria do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago abriu as súas portas esta semana para comezar as actividades pedagóxicas cos nenos ingresados no centro.
A súa directora, Elena Sobrino, indica que “dada a situación derivada da pandemia a causa da COVID-19 creouse un protocolo de prevención que permite desenvolver a actividade de atención educativa hospitalaria establecendo medidas hixiénicas e de protección necesarias que garantan a máxima redución de risco para todos os axentes que interveñen no proceso”.
Ademais do traballo presencial, dende a aula segue activa a asistencia educativa telemática a aqueles pacientes crónicos ou con enfermidade de longa duración que necesiten apoio pedagóxico aínda que se atopen no domicilio. “A finalidade é manter a continuidade no seu proceso educativo e que non se vexa interrompido ao alternar a súa situación de ingreso a alta hospitalaria”, engade Sobrino.” Trátase de nenos con reingresos continuos aos que se lles pretende proporcionar estabilidade en momentos de cambios de entorno”.
Por outra banda, as sesións educativas dentro do propio centro hospitalario terán lugar en diferentes situación. Amais de na aula, impartiranse, cando sexa necesario, na habitación do paciente, na unidade de coidados intensivos pediátricos, ou na unidade de psiquiatría infanto-xuvenil.
Protocolo
Os alumnos deben desinfectar as súas mans na entrada e saída da aula, así como naquelas ocasións nas que o profesor considere oportuno, e todos deben utilizar máscara.
Ventílase a aula, polo menos, cada hora durante un tempo de dez minutos, tempo no que ao alumnos descansarán da máscara nas súas habitacións.
O material que se utiliza é dun só uso, salvo aqueles recursos que permitan a desinfección completa. Con respecto a ciberaula, permítese aos alumnos o acceso aos diferentes dispositivos que deberán ser desinfectados antes e despois do seu uso.
O lema do servizo do Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza é “coidamos dos nenos, investigamos polos nenos”. Segundo Elena Sobrino “ no ámbito da educación, o coidado dos nenos está mais que asumido e no da investigación, esta nova situación abre novas oportunidades de avanzar en favor da pedagoxía hospitalaria nun momento no que a protección do menor e do seu coidador debe ser unha prioridade que marque a práctica educativa”.