Guerra aberta en Santiago polos comedores escolares
O curso comenzaba onte na cidade e dende as ANPAS e a oposición cargan contra oConcello pola mala xestión
Este xoves arrancaba o curso para moites nenos en Santiago entre as críticas ao concello pola xestión dos comedores escolares.
As ANPAS fartas da "inoperancia" emitiron o seguite comunicado no día que arrancaba o curso:
Tanto a Federación Galega de ANPAS Compostela e as familias usuarias do servizo de madrugadores e comedor xestionado polo Concello de Santiago de Compostela a través da empresa Alimentación Saludable Gallega estamos cansos e fartos da tomadura de pelo, falta de traballo e inoperancia que se ven producindo dende hai anos no Concello de Compostela.
Non se recorda ano onde se comezara o curso coñecendo a listaxe de admitidos nos centros escolares, nin tampouco a listaxe de admitidos das bolsas para comedor, actividades extraescolares e material escolar; nunca empezamos un curso sabendo cal era o funcionamento da empresa que daría o servizo salvo o ano en que a empresa fose a mesma. Pois parece que este ano non é menos.
O prazo de matrícula para solicitar o servizo de comedor rematou o 14 de xullo, e o 20 de xullo remataba o prazo para solicitar as bolsas de comedor, actividades extraescolares e material escolar. A partir de aí tivemos constantes conversas co Departamento de Educación, e rematamos por ter unha xuntanza co Alcalde do noso Concello o 8 de setembro; nesa xuntanza asegúranos que tódalas familias que así o solicitaron terán garantida a praza de comedor, e que esa garantía se estendera ás novas incorporacións que puideran xurdir durante o curso cunha intención de permanencia.
É inadmisíbel que unhas horas máis tarde, 12 horas antes de que dea comezo o curso escolar, se publique un Decreto de comedores onde se indique que é necesario restrinxir o número de usuarios que poden facer uso do comedor escolar. Esa restrición anula de facto a valía deste servizo como un servizo escolar complementar e como ferramenta de apoio ás familias traballadoras, onde está a utilidade real dun comedor escolar que non vai solucionar as situacións sobrevidas ?, máis aínda neste contexto que vivimos.
Ninguén nega a dificultade dos tempos polos que estamos a pasar, nin a complexidade da organización dos servizos públicos necesarios. Estamos en momento de grande volatilidade nas decisións e nas dispoñibilidades, pero non podemos permitir que o Concello se suma ao despropósito administrativo vixente, impondo restricións que dificultan enormemente a vida das familias compostelás.
Vai sendo tempo de que en Compostela teñamos un departamento de educación ben dotado e eficazmente defendido pola administración municipal, e de que os comedores escolares deixen de ser o crebacabezas permanente das nais e pais desta cidade.
CA pide explicacións ao Goberno “por un decreto feito con nocturnidade e aleivosía que deixará a moitas familias sen comedor escolar”
Compostela Aberta acusou hoxe ao alcalde de “actuar con nocturnidade e aleivosía, asinando un decreto que deixará a moitas familias sen o servizo de comedor escolar só 12 horas antes do inicio das clases”. Para a concelleira María Rozas, “Bugallo vén de demostrar que non é quen de xestionar a situación excepcional na que nos atopamos, que non lle importan as familias, e que ademais non tén palabra, porque o seu compromiso era o de que houbera praza para todas as solicitudes presentadas”. Por iso, o grupo municipal de CA rexistrou hoxe unha serie de preguntas sobre o servizo de comedores escolares, para que o Goberno do PSOE explique por escrito o acontencio.
Compostela Aberta expresou o seu rexeitamento ao decreto asinado polo alcalde e publicado pasadas as 21.00 horas do día de onte, no que se sinala que “Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e atendendo ás restricións que se derivan da situación sanitaria, é necesario restrinxir o número de usuarios que poden facer uso do comedor”. María Rozas lembrou que “o servizo de comedor é esencial para a conciliación de moitas familias, que inician agora un novo curso sen saber sequera se teñen a praza garantida, despois de que o propio Bugallo e máis diferentes membros do seu Goberno aseguraran públicamente que todas as solicitudes serían aceptadas”.
Nas preguntas rexistradas hoxe para que o Goberno explique por escrito o acontecido, Compostela Aberta lembra que a que fora concelleira de Educación, Noa Díaz, primeiro, e o voceiro do grupo socialista o pasado 8 de setembro, aseguraron publicamente que se atenderían todas as solicitudes. Ademais, segundo desvelou a Federación de ANPAS de Compostela, o propio alcalde se comprometeu co colectivo a que todas as familias que o solicitaran tiveran unha praza de comedor, só un día antes do decreto que contradí esas promesas.
Goretti Sanmartín: “Bugallo decláralles a guerra ás familias ao non garantir praza de comedor escolar para tod@s @s nen@s”
A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, xunto coa concelleira Navia Rivas e a deputada parlamentar Iria Carreira mantiveron onte unha reunión coa Federación de ANPA de Santiago para coñecer e facer seguimento das medidas adoptadas no inicio de curso escolar.
O BNG de Santiago, segundo trasladou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, desexa un bo inicio de curso a pesar e todas as dificultades e incertezas a familias, nenos e nenas e profesorado, ademais de unirse á convocatoria de folga tanto para hoxe como para o 16 de setembro en reivindicación de melloras do protocolo, de planificación, de recursos, de diminución de ratios e aumento do profesorado e de fondos económicos por parte da Xunta de Galiza.
Pasadas as 21:00 horas, publicouse un decreto en que “Bugallo declara a guerra ás familias ao non garantir praza de comedor escolar para tod@s @s nen@s que o soliciten”, afirmou. Este decreto supón un agravio comparativo porque segundo os criterios que marca, unha familia pode ter dereito a comedor e outra non, dependendo do centro ao que vaia o seu fillo ou filla, advertiu, e non é de recibo que haxa discriminación negativa e que non se garanta a igualdade de oportunidades para todo o alumnado do concello.
Ademais, destacou que “este decreto e as intencións deste Goberno van na liña de desincentivaren a familias a levaren ás súas crianzas ao comedor”. Propostas como que prime máis o criterio de levar os 5 días a semana ao comedor fronte a quen pode decidir levalos 1 ou 2, en moitos casos por temas de conciliación laboral e teletraballo, unha recomendación especial das autoridades sanitarias neste contexto de pandemia, e a idea de entregar unha bolsa con comida directamente ás crianzas están máis feitas desde a perspectiva de facilitarlle a traballo á empresa que beneficiar a comunidade educativa, sinalou.
Por estes motivos, Goretti Sanmartín esixiulle ao alcalde “unha rectificación para que garanta as prazas de comedor para as familias que o soliciten”. Ademais, sobre as incertezas das familias para levar as crianzas ao comedor sinalou que isto vai vinculado á existencia de actividades extraescolares e, neste ano especial, poden ser de conciliación “porque son absolutamente imprescindíbeis e ten que ser o Concello de Santiago quen as garanta”. Propón que o Concello organice “un paquete de actividades para ofrecerlles aos centros de ensino para que moitos pais e nais poidan deixar os nenos e nenas no comedor e despois iren a esas actividades extraescolares”.