Denuncian a imaxe bochornosa das medidas anticovid nos autobuses urbanos
Os Populares preguntarán ao Goberno polo cumprimento dos protocolos na desinfección do servizo de transporte e sobre a adaptación dos pregos de licitación do novo contrato ás continxencias da COVID-19
O Grupo Popular lamenta a ausencia de decoro e a falta de hixiene que supón a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico realizada nos autobuses urbanos municipais. Unha instalación chapuceira, na que se empregan distintos formatos de envases suxeitos con cintas adhesivas de embalaxe, tal e como se pode apreciar nas imaxes que se acompañan, correspondentes a vehículos de varias liñas que operan no termo municipal, apuntan nun comunicado.
Por este motivo, o Grupo Popular vai presentar unha iniciativa no Pleno municipal deste mes de setembro instando ao Goberno a que revise e mellore as medidas adoptadas para reforzar a seguridade e a hixiene sanitaria na frota de autobuses municipais, ao tempo que solicita información sobre a inclusión de medidas anticovid no novo prego de licitación do servizo de transporte público, para dar resposta ás necesidades sanitarias e para evitar que se poida producir unha resolución que paralice o procedemento de contratación, tal e como aconteceu recentemente co servizo de axuda no fogar.
En relación co bochornoso sistema para hixienizar que se ten aplicado nos autobuses urbanos, o Grupo Popular lembra as palabras do actual concelleiro de Mobilidade nunha sesión plenaria do pasado mandato (xaneiro de 2018), cando nunha iniciativa sobre a mellora deste servizo afirmaba, na súa daquela condicións de concelleiro da oposición, que os pregos do contrato obrigan a “cumprir coas condicións de índole hixiénico-sanitaria, que en todo transporte colectivo de viaxeiros son esixibles, mantendo o exterior e interior dos vehículos co mellor estado estético posible”.