O Tribunal de Contratación acepta as medidas cautelares de CCOO e suspende a licitación do SAD de Santiago
O sindicato alertou de que o orzamento da licitación non está adaptado ao contexto da COVID-19, o que representa un risco para a saúde das persoas traballadoras e usuarias
A Federación de Construción e Servizos de CCOO congratúlase da decisión adoptada polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia. O organismo acepta as medidas cautelares solicitadas por este sindicato e suspende a licitación do servizo de axuda a domicilio (SAD) de Santiago de Compostela. Contra esta decisión non cabe recurso ningún, xa que é firme.
Hai unha semana, Comisións alertara de que o orzamento da licitación non estaba adaptado ao contexto da COVID-19, o que representaba un risco para a saúde das persoas traballadoras e usuarias. Segundo o sindicato, o orzamento ten un desfasamento de case 200 000 euros anuais, contía que representa ao pé do 7 % do total, debido a varios erros de cómputo no capítulo de persoal e salarios.
Con todo, para o sindicato o máis grave é que a partida destinada a afrontar o contexto da COVID-19 supón só un «ridículo» 0,1 % do total, isto é, 5482 euros anuais para a dotación de luvas, material hixiénico, máscaras e outros. Segundo os cálculos do sindicato, baseados na última normativa publicada sobre o uso das máscara, e partindo de que cómpre manter un stock para o caso de posibles rebrotes, a partida económica non debería ser inferior ao 5 % do orzamento anual.