O PP móstrase “estupefacto” ante a marcha voluntaria de Noa Díaz a uns días do comezo do curso escolar máis comprometido
Os Populares solicítanlle á concelleira de Educación que reconsidere a súa decisión e que non incorra nun egoísta e irresponsable abandono de funcións
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular móstranse “estupefactos” ante marcha voluntaria da concelleira de Educación, Noa Díaz, a uns días do comezo do curso escolar máis comprometido da historia recente. Os Populares entenden que o abandono das súas funcións para consolidar o seu acomodo no Parlamento de Galicia é, “nestes momentos”, “irresponsable e inxustificado”.
Os Populares instan a concelleira de Educación socialista a que se manteña no cargo cando menos durante unhas semanas, e que acompañe e apoie á comunidade educativa nun proceso incerto e complicado. “Abandonar voluntariamente neste momento as funcións públicas máis delicadas -como son as de Educación- para buscar acubillo nun escenario máis cómodo e menos esixente como o do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia non é nin responsable nin exemplar, e si egoísta”, sosteñen os Populares, que instan igualmente a Gonzalo Caballero a que pospoña o plan de evacuación política de Noa Díaz.
O Grupo Municipal lembra, ademais, que a concellería de Educación non conta con ningún director de área nin con directores xerais que poidan, desde unha visión directiva de impulso e coordinación, facilitar a súa substitución como concelleira e garantir o mellor desenvolvemento do inicio do curso, e particularmente do servizo dos comedores escolares, nunhas circunstancias tan complicadas, como vén de reflectir a Orde de onte mesmo da Consellería de Sanidade.
A estupefacción dos integrantes do Grupo Popular é aínda maior á vista da autocompracencia da concelleira na rolda de prensa na que se despediu.
Por último, o Grupo Popular lamenta que -de persistir a concelleira no seu propósito de abandonar voluntariamente as súas responsabilidades nun momento tan delicado e de non evitar que o pleno municipal tome coñecemento efectivo e definitivo da súa renuncia- non poidan saudar ou acompañar a súa saída coa convencional cordialidade ou cortesía que adoita a estilarse nas renuncias dos membros da Corporación, como si aconteceu na recente saída do exalcalde Martiño Noriega e do concelleiro Rafael Peña.