A xornada “Mulleres e Cultura Urbana” abordará a situación do sector en clave galega e feminista
O evento, que se celebrá o 12 de setembro en Santiago no marco do Delas Fest, combina faladoiros de análise cun encontro de improvisación pictórica
A Cidade da Cultura de Galicia acolle o próximo 12 de setembro a xornada “Mulleres e Cultura Urbana”, un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector. Enmarcado no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e parte da programación do II festival feminista de arte urbana e contextual Delas Fest, o evento combina sesións de análise e debate cun encontro de improvisación creativa con spray destinado a reivindicar a riqueza da cultura urbana feita por mulleres en Galicia.
A actividade, que se desenvolverá ao longo do día en distintos espazos do Gaiás, presenta na sesión da mañá unha orientación máis teórica e deliberativa cos dous faladoiros arredor do traballo artístico no espazo público, protagonizados pola creadora colombiana especialista en xénero Lina Castellanos e a muralista e docente universitaria viguesa Lorena Arévalo. A continuación, a comisaria do Delas Fest, Clara R. Cordeiro, moderará unha mesa redonda na que as artistas galegas Eva Comesaña, Festa, IRA, Iria Prol e Marcia Vázquez examinarán o estado da cultura urbana no noso país desde as súas experiencias en diferentes disciplinas.
Xa no horario de tarde, o encontro adquire un carácter más festivo coa celebración do encontro de improvisación pictórica Delas Jam. Carola Bagnato (Mar de Plata), Festa (Compostela), IRA (Compostela), Killa.eK (Quito), Porte (Compostela), Sax (Vigo), Shen Oner (Huesca) e Sphiza (Porto) son as artistas seleccionadas para participar na actividade, destinada a xerar un espazo lúdico e seguro para o diálogo e a experimentación pictórica.
A creadoras, especialistas en graffiti, foron gañadoras das 8 bolsas de creación que, co obxectivo de apoiar a implicación no evento, 7H Cooperativa Cultural lanzou co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Cidade da Cultura e Montana Colors, empresa catalá que facilita o spray necesario para as intervencións. As pezas serán realizadas sobre superficies de papel de celofán, situadas entre as árbores do Xardín do Teatro do Gaiás, onde tamén se habilitará un espazo para que as mulleres e crianzas que queiran experimentar tamén poidan facelo de balde.
Coma colofón da xornada, a compositora e cantante viguesa High Paw, ofrecerá un concerto co seu persoal estilo de soul, reggae, roots, raggamuffin e letras feministas.
Prazas limitadas
Para asistir coma público ao evento, é preciso rexistrarse na páxina web da Cidade da Cultura –https://www.cidadedacultura.gal/-, onde este martes se abre o proceso de inscrición de 40 prazas para asistir ás sesións da mañá. Para as actividades da tarde, na que tamén será preciso rexistrarse, o proceso de inscrición habilitarase nos próximos días. As persoas que non poidan acudir presencialmente aos faladoiros e a mesa redonda poderán seguir a xornada en streaming na canle de Youtube de 7H Cooperativa Cultural.
PROGRAMA
10:00 a 10:15 h. Apertura da xornada.
10:15 a 11:15 h. O espazo público como espazo político, por Lina Castellanos.
11:20 a 12.20 h. A arte urbana desde o colectivo e contextual, por Lorena Arévalo.
12:20 a 12:45 h. Pausa café.
12:45 a 14:00 h. Mesa redonda. Mulleres e cultura urbana. Unha análise desde o feminismo, con Eva Comesaña, Festa, IRA, Iria Prol e Marcia Vázquez. Modera: Clara R. Cordeiro.
14:00 a 16:30 h. Pausa para o xantar
17:00 a 19:30 h. Delas Jam, encontro de improvisación pictórica.
19:00 a 20:00 h. Concerto de High Paw e clausura do evento.