Eliminado un punto de vertido en Lousame
A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais ao rego de Rabaceiros, no Concello de Lousame.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, de Augas de Galicia, verificaron que este punto tiña a súa orixe na fosa séptica municipal que recollía as augas residuais xeradas no núcleo de Marracín de Abaixo.
A Xunta comunicoulle esta situación ao Concello de Lousame e solicitoulle a adopción das medidas correspondentes.
O sistema non funcionaba de xeito adecuado, polo que foi recentemente anulado logo da execución dun novo sistema de depuración na zona para o tratamento das augas residuais.
O persoal de Augas de Galicia comprobou recentemente a través dunha analítica o cumprimento dos valores límite de vertido fixados para o novo sistema de depuración, así como o cese da contaminación.