Convócanse 8 bolsas de creación artística para participar na Delas Jam
O prazo para solicitar as axudas, dirixidas a artistas urbanas, remata o 18 de agosto
7H Cooperativa Cultural convoca, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Cidade da Cultura e Montana Colors, 8 bolsas de creación artística para mulleres que queiran participar na Delas Jam, o encontro de improvisación pictórica que terá lugar o próximo 12 de setembro en Santiago de Compostela.
As interesadas en involucrarse no evento, enmarcado na programación da segunda edición do festival feminista de arte urbana e contextual Delas Fest, teñen até o 18 de agosto para presentar a súa candidatura e beneficiarse da axuda de 200 euros + IVE coa que a organización quere favorecer a participar e apoiar o talento feminino. Ademais da bolsa, as creadoras tamén recibirán todo o material preciso para realizar unha peza artística sobre unha soporte de papel de celofán cunha superficie aproximada de catro metros de longo por un metro de alto.
A actividade, que se celebrará entre as 17:00 e as 19:30h no Xardín do Teatro do Gaiás no marco da xornada “Muller e Cultura Urbana”, nace coa vontade de facilitar espazos seguros e libres de violencias machistas nos que se favoreza a creación, o diálogo e o intercambio de experiencias sen competencia entre artistas.
Proceso de solicitude
As interesadas en participar na convocatoria, dirixida a escritoras dre grafiti e artistas de 16 anos en diante, deben enviar a súa candidatura ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal antes do 18 de agosto. A solicitude debe incluír un dossier artístico, no que consten un mínimo de 5 pezas individuais realizadas con anterioridade á convocatoria, e unha pequeno texto, de 850 caracteres coma máximo, na que describan as súas motivacións para involucrarse no evento.
Resolución
Un xurado integrado pola comisión de xénero do Delas Fest elixirá ás participantes en base á calidade artística e traxectoria das aspirantes así como á coherencia do seu traballo coa liña feminista do festival. A resolución comunicarase persoalmente ás aspirantes seleccionadas e a listaxe completa será difundida publicamente antes do 24 de agosto de 2020.
Toda a información das bases da convocatoria está dispoñible en https://7hcoop.gal/wp-content/uploads/2020/08/Bases-Delas-Jam-Delas-Fest-2020.pdf