Obradoiro en Boqueixón sobre técnicas forestais de poda
A actividade formativa desenvolverase este mércores 5 de agosto en parcelas forestais. Contará cunha parte teórica e outra práctica
A Asociación Forestal de Galicia está a iniciar o seu programa de formación anual, dirixido tanto a propietarios forestais particulares como a comunidades de montes ou público interesado na materia. Este mércores 5 de agosto, no marco deste programa de formación, desenvolverase en Boqueixón un obradoiro sobre técnicas forestais de poda.
A actividade, que contará cunha parte teórica e outra práctica, realizarase integramente ó aire libre, en parcelas forestais. O obxectivo é que as persoas participantes adquiran os coñecementos precisos para a produción de madeira de alta calidade.
O taller abordará tanto a poda en piñeiros como en frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, cerdeira, etc.). Explicaranse os fundamentos e características da poda forestal e presentaranse os equipos e ferramentas de poda, cos que as persoas participantes poderán facer prácticas.