Compostela Aberta únese a un manifesto reclamando blindar e reforzar a autonomía local fronte á incautación do aforro dos concellos impulsada polo Ministerio de Facenda
O manifesto reclama o uso da totalidade do superávit dos concellos do 2019, así como os remanentes de tesouraría, a eliminación da regra de gasto e a interlocución directa da FEGAMP co Goberno Central, entre outras medidas.
Compostela Aberta, Marea Atlántica, Marea de Vigo, Ferrol en Común e as mareas municipalistas de Teo, Vigo, Noia ou As Pontes asinan un manifesto reclamando blindar e reforzar a autonomía local fronte á incautación do aforro dos concellos impulsada polo Ministerio de Facenda.
Nun comunicado expresan que "o plan do Ministerio de Facenda para a incautación dos remanentes de concellos e deputacións, aprobado onte pola FEMP, pisotea as competencias municipais , adoece dun marcado carácter centralista e supón un desprezo para o traballo dos concellos. Este plan cuestiona o espírito do artigo 140 da Constitución Española e rebenta a xa moi tocada autonomía municipal, pretendendo tutelar aos concellos. Fronte ao que consideramos unha escusa para limitar o gasto e o investimento locais, as mareas municipalistas de Galicia demandamos a protección das persoas , sobre todo das máis vulnerables".
Acordo de Pleno
Compostela Aberta lembra que o Pleno da Corporación de Santiago xa tén aprobada unha moción conxunta de CA, BNG e PSOE en relación ao uso dos remanentes municipais por parte das entidades locais. Nela, esíxelle ao Goberno do Estado que permita aos Concellos o uso da totalidade do seu superavit do 2019 así como a derrogación urxente dos artigos que afectan á autonomía local da chamada Lei Montoro. Ademais, o acordo establece que o Goberno municipal debe informar do marco financeiro resultante do orzamento do 2020 e seguintes do Concello de Santiago tendo en conta o principio de acordo ao que teñen chegado o Goberno español e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre o uso de remanentes de tesouraría.