Reclaman medidas para a contorna da rúa Federica Montseny no Castiñeiriño
Para os Populares, esta zona necesita distintas actuacións de mellora en relación á limpeza viaria, á recollida de lixo, á reparación de mobiliario e ao mantemento de zonas verdes, entre outras
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular, María Castelao, presentará un rogo no Pleno ordinario, que se celebrará a finais deste mes, para que o Goberno local proceda a adoptar as medidas necesarias para atender as demandas da veciñanza da contorna da rúa Federica Montseny, no Castiñeiriño. Para os Populares, esta zona necesita distintas actuacións de mellora en relación á limpeza viaria, á recollida de lixo, á reparación de mobiliario e ao mantemento de zonas verdes.
A vicevoceira Popular explicou que, desde hai varios meses, as persoas que residen na contorna da rúa Federica Montseny, radicada no barrio do Castiñeiriño, veñen reclamando unha maior atención para esta zona.
Castelao indica que, a pesar de ser unha urbanización relativamente recente, con pouco máis dunha década de vida, a falta de servizos e de labores de conservación e mantemento fan que semelle que leve varias décadas construída.
As queixas da veciñanza desta zona refírense, sobre todo, á falta de limpeza viaria, problemas coa recollida do lixo ao non funcionar os colectores soterrados existentes, desperfectos no mobiliario e falta de labores de mantemento nas zonas verdes, entre outros, deficiencias das que ofrecemos unha pequena mostras nas imaxes que se acompañan como anexo.
As demandas esténdense tamén á contorna da praza existente, onde os arredores da zona verde central -concibida a modo de glorieta e desprovista de calquera tipo de protección- , vense invadidos con frecuencia polos vehículos que ocasionan profundas rodeiras sobre a herba.