miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Xa se poden reservar as entradas para os eventos das festas do Apóstolo

Xa se poden reservar as entradas para os eventos das festas do Apóstolo
Xa se poden reservar as entradas para os eventos das festas do Apóstolo

Dende o mediodía deste luns, 13 de xullo, xa se poden reservar as entradas para asistir aos diversos eventos das festas do Apóstolo 2020 a través da web reservas.gal. Todas as actividades son de balde, pero cómpre esta reserva para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade. 

A praza da Quintana e o parque de Galeras serán os dous escenarios principais nestas festas. Así, na Quintana daranse cita artistas como Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18), Broken Peach (domingo 19), A Banda da Loba (martes 21), TéCanela (mércores 22), Najla Shami (xoves 23), Gaizka Project (venres 24), Xacobe Martínez Antelo Trío (luns 27), Nastasia Zürcher (martes 28), Germán Díaz & Benxamín Otero (mércores 29) ou Ortiga (venres 31).

Tamén na Quintana haberá tres xornadas dedicadas á música e bailes tradicionais: o espectáculo "Do blues ao alalá" o luns 20, as Xornadas de Folclore Galego o Día do Apóstolo, e o TradFest que organiza La Voz de Galicia ao día seguinte, domingo 26. E tampouco faltará outro dos concertos máis esperados no Apóstolo, como é o da Real Filharmonía de Galicia, que desta vez se celebrará o día 30 e cun programa dedicado a Beethoven.

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios, o espectáculo familiar Pirilampo, a función teatral de Teatro del Andamio, o monologuista Oswaldo Digón, Colt 45, Andhrea & The Black Cats, Escuchando Elefantes, Agoraphobia, as proposta familiares de Uxía Lambona ou Na Casa de Caramuxo Teatro, o monólogo de Pablo Meixe & Danny Boy Ribera, Triska ou The New Raemon.

Ademais, haberá algún concerto e outras actividades como danza ou performances noutros lugares, como o parque de Bonaval, onde estarán Antía Muíño, 16 mm, Thesaurus, Marcelo Dobode, MounQup ou Ukestra.

Circo, cine e citas tradicionais
Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre.

Por suposto, non faltarán citas tradicionais coma o Torneo de Chave, o concerto da Banda Municipal, o Día do Traxe Galego, os xigantes e cabezudos (que desta vez se concentrarán na Quintana) ou o Día de Padrón. 

Comentarios
Lo más