O alcalde reitera a importancia do Polo de Innovación en Biotecnoloxía para "xerar empresas e postos de traballo cualificados" na cidade
06:30 04/07/20
06:30 04/07/20
Tras a sinatura esta semana do Acordo da Sionlla, que senta as bases da creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, o alcalde reiterou o compromiso municipal con esta iniciativa, que "apoiamos e na que estamos detrás dende o minuto un".
Así, Xosé Sánchez Bugallo reiterou a importancia deste Polo para "ampliar a base económica da cidade e xerar empresas e postos de traballo moi cualificados" e para "darlle contido económico a moitos traballos de investigación que nacen na USC e que ata gora tiñan que seguir fóra de Galicia".
Os vindeiros pasos, segundo anunciou o rexedor, será a sinatura durante este mes de xullo de convenios coa Asociación Área Empresarial do Tambre e coa Cámara de Comercio para seguir impulsando con recursos económicos esta iniciativa. Ademais, expresou a súa confianza en que tamén neste mes "o Concello poida tomar a maioría accionarial de Uninova, para convertelo no ente instrumental a través do que participaremos na posta en marcha do Polo", para cuxas instalacións o Concello cederá unha parcela municipal.