miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Última xornada de "Prima20" con tres actividades no barrio de San Pedro

Última xornada de "Prima20" con tres actividades no barrio de San Pedro
Última xornada de "Prima20" con tres actividades no barrio de San Pedro

Prima20, a festa do comercio local, celebra este sábado a súa última xornada cunha programación especial no barrio de San Pedro na que se inclúen contos, danza e pasarrúas. 

O programa deste sábado arrinca ás 12:00 horas cun "Menú de contos" a cargo de Charo Pita na praciña da igrexa de San Pedro. Contos para contar, contos propios e de tradición oral, e, como en calquera almorzo en restaurante, os convidados, coa axuda dela, irán escollendo historias do menú ata conformar unha exquisita comida mesmo con sobremesa. A entrada é de balde, pero é preciso reservar a través da web comerciolocal.gal.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, o campo da Angustia acolle unha sesión con As Armadanzas. Mercedes e Montse son dúas mulleres intrépidas que teñen como difícil misión na época da Covid-19 levar ao público ata o mundo do baile tradicional galego-portugués. Non importa a idade, da súa man todo o mundo pode botar unha baila. Acompañadas de contos e historias, levarannos sen decatármonos ata a vida de Xan e Matilde, dous anciáns que foron mozos e que foron quen de transmitir ás súas netas con nostalxia e con alegría como eran aqueles tempos de antes nos que o baile era a mellor das diversións. Actividade tamén de balde e con reserva previa.

E para seguir animando a tarde, Muiñeiros do Sarela percorrerán as rúas de San Pedro e de Concheiros a partir das 19:00 h. Este grupo de música tradicional basea a súa proposta musical no canto e na música, para instrumentos tradicionais como a gaita, o acordeón, as frautas, a requinta ou a percusión tradicional. O obxectivo da formación non é outro que mesturar temas de sobra coñecidos da música galega con outros que non o son tanto e que se intentan rescatar do anonimato e dalos a coñecer ao público en xeral, conservando as súas tonalidades e dese xeito, ofrecelos de novo á xente, para que poidan cantar, bailar e gozar cos seus sons. 
Comentarios
Lo más