Santiago Centro pon en marcha un concurso de selfies con 1.500 € de premio
Para participar en “Este verán duplica o teu soldo con Santiago Centro” basta con subir ás redes fotos diante do cartel identificativo da campaña, que viaxará en bicicleta polas rúas do Ensanche do 1 ao 15 de xullo
Un único gañador recibirá vales de compra por valor de 1.500€ a través da campaña Este verán duplica o teu soldo con Santiago Centro, que o Centro Comercial Aberto do Ensanche compostelán pon en marcha este mércores, 1 de xullo. Desde ese día e ata o 15 do mesmo mes poderase participar na promoción subindo fotos tomadas diante dunha bicicleta que circulará polas rúas da zona nova transportando un cartel coa imaxe da campaña.
Santiago Centro conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña nesta acción. Despois da durísima parada de actividade que supuxo para todos os comerciantes a crise do Covid‐19, a Fundación quere axudar a que a alegría regrese ás rúas do Ensanche e, con ela, animar á veciñanza a realizar as compras que quedaron adiadas pola pandemia. Tamén quere atraer á zona a veciños e foráneos que elixan Compostela como lugar para pasar a primeira quincena de xullo nun verán no que se prevén menos desprazamentos vacacionais, ou cando menos viaxes de menor duración e distancia.
A mecánica de Este verán duplica o teu soldo con Santiago Centro é moi sinxela. Simplemente hai que buscar nas rúas da zona nova a bicicleta identificativa da campaña, que estará dispoñible en quendas de mañá e tarde en diversas localizacións, que poden consultarse xa na web www.santiagocentro.gal.
Para participar haberá que sacar un selfie diante do letreiro e subilo ás redes sociais identificándoo cos hashtags #santiagocentro e #eucomprolocal.
Entre todas as fotografías, Santiago Centro sorteará un único premio de 1.500€ que se repartirán en varios vales de compra, para que o gañador poida facer uso deles nos establecementos asociados, que tamén se poden consultar no portal do Centro Comercial Aberto.