miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Propoñen un programa especial de artes de rúa na Alameda para as festas do Apóstolo

Propoñen un programa especial de artes de rúa na Alameda para as festas do Apóstolo
Propoñen un programa especial de artes de rúa na Alameda para as festas do Apóstolo

Compostela Aberta pide que o Goberno colabore cos artistas de rúa no deseño da programación, e organice o acto de recoñecemento ao colectivo

O grupo municipal de Compostela Aberta pídelle ao Goberno local que deseñe unha programación especial para poñer en valor a arte de rúa durante a segunda quincena do mes de xullo, coincidindo coas festas do Apóstolo. Así se recolle nunha moción que a concelleira Branca Novoneyra defenderá no Pleno da próxima semana, na que propón a Alameda como escenario principal desas actuacións.

Branca Novoneyra lembrou que “a arte de rúa é parte da identidade de Santiago, e o colectivo de artistas precisa, despois da situación vivida nos últimos meses, retomar con forza a súa actividade”. Por iso, a concelleira insta ao Goberno a “colaborar cos propios artistas de rúa no deseño dunha programación que contemple espectáculos de circo, danza e outras artes, e que se poida desenvolver na segunda quincena de xullo, coincidindo coas festas do Apóstolo”. A edil de Compostela Aberta propón que esa programación se desenvolva na Alameda, “un escenario tradicional das festas, emprazamento das orquestras e das atraccións que, por mor da pandemia da Covid-19, non poderán desenvolverse nas condicións de anos anteriores”. Novoneyra tamén instou ao Goberno a organizar un acto de recoñecemento ao labor continuado dos colectivos de artistas de rúa, durante esta programación especial do Apóstolo.

A concelleira lembrou que, no pasado mes de febreiro, o Pleno aprobou unha moción conxunta de todos os grupos, en substitución dunha moción presentada por Compostela Aberta, para planificar estratéxicamente as artes de rúa no Xacobeo 2021. Branca Novoneyra expresou o seu desexo de que “o Goberno teña en conta a unanimidade mostrada pola Corporación en torno á necesidade de poñer en valor as artes de rúa, e sexa proactivo á hora de planificar unha programación específica para as festas”

Comentarios
Lo más