Solicitan ao Goberno de Bugallo a elaboración dun censo detallado de persoas maiores que vivan soas
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular, María Castelao, presentará no Pleno ordinario que se celebrará hoxe unha proposición para que o Goberno local dea os pasos necesarios para a eleboración dun censo municipal de persoas maiores que vivan soas no termo municipal santiagués. Para os Populares, neste documento deberían aparecer as circunstancias que se consideren pertinentes, co fin de dispoñer da información máis completa posible, para subministrarlles as liñas de axudas e facilitarlles os recursos públicos dos que poidan ser beneficiarias esas persoas, contribuíndo así a unha mellora efectiva da calidade de vida nos seus fogares e evitar posibles situacións de risco.
Unha das tarefas das institucións e dos poderes públicos é a de velar para evitar que se dean situacións de desamparo e, con ese fin, as administracións públicas dispoñen dun amplo abano de recursos para as persoas maiores, uns recursos que ás veces -mesmo en situacións extremas como as que estamos a vivir- son ignorados polos seus potenciais interesados.
Para garantir que a información sobre este tipo de medidas de apoio poida chegar ás persoas maiores do Concello e, sobre todo, para diagnosticar a necesidade da súa activación, desde o Grupo Municipal do Partido Popular propoñemos que a Administración local sexa proactiva e que sexa ela a que se dirixa a esas persoas para darlles a coñecer os recursos que están á súa disposición, para a mellora da calidade de vida e evitar posibles situacións de risco, como as que, por desgraza, se teñen dado con frecuencia noutras latitudes onde a soidade ten actuado como un desencadeamento de fatais consecuencias.
A proposta dos Populares, que xa fora presentada e aprobada en 2017, sen que nada se fixera ao respecto e sobre a que incidimos novamente no inicio da actual crise sanitaria, pasa por elaborar un censo detallado de persoas maiores que vivan soas, no que se recollan todas aquelas circunstancias que sexan de interese para ter un coñecemento o máis exhaustivo posible das situacións, dos problemas e das posibles solucións para manter un axeitado nivel de saúde e de calidade de vida dese segmento da poboación.
Os datos de carácter persoal que se poidan obter, deberán contar coa autorización das persoas interesadas, ser tratados con estrito cumprimento da normativa de protección de datos e ser empregados exclusivamente coa finalidade de servizo público que inspira e fundamenta esta iniciativa.
Contexto social
O envellecemento da poboación é unha das consecuencias relacionadas co incremento da esperanza de vida e co descenso das taxas de natalidade que se ten producido nos últimos anos nas sociedades avanzadas e tamén nos países en desenvolvemento. E o noso Concello non é unha excepción.
Na actualidade, aínda que existen recursos públicos destinados a ese segmento da poboación, como os programas de envellecemento activo, determinadas axudas no fogar ou residencias -como a que vai construír a Xunta no Castineiriño prevista para 120 prazas-, danse moitos casos de persoas que por diferentes motivos non se vén beneficiadas por esas accións, enfrontándose nalgúns casos a situacións de necesidade e mesmo de perigo no seu vivir diario. Unha posibilidade que recentemente se veu acrecentada pola crise sanitaria que padecemos que impuxo un confinamento prolongado.
É sabido que, fronte a alternativa do ingreso en residencias, os especialistas aconsellan como moi beneficioso a permanencia das persoas maiores nos seus contornos habituais, sempre e cando non presenten uns elevados graos de dependencia e dispoñan de medios axeitados para a súa vida diaria.
Con todo, acontece que en moitos casos non se dan esas condicións e, a pesar diso, existen moitas persoas que seguen a vivir soas. A súa situación adquire así unha dimensión de problema social que se pode incrementar cando se carece de arraigo na cidade ou no Concello.
No Concello de Santiago, segundo os datos do IGE de 2019, existen 21.295 persoas maiores de 65 anos (un 21,89% do total de poboación) e delas, 10.353 (10,64%) contan con máis de 75 anos. Son unhas cifras importantes que veñen medrando de forma exponencial nos últimos anos, posto que hai apenas unha década, no ano 2008, os maiores de 65 anos eran 16.370 (17,35% do total), dos que 8.327 (8,83% do total) tiñan 75 ou máis anos. É dicir, so nunha década en Santiago medraron un 5% máis de maiores de 65 anos. O noso concello é unha boa mostra dunha tendencia que fai prever que en 30 anos en Galicia 3 de cada 5 persoas terán máis de 60 anos.
Por outra parte segundo o último Censo de Poboación e Vivendas que o INE realiza cada dez anos, no ano 2011 en algo máis dun 26% dos fogares de Santiago (9.790) vivía unha soa persoa e dese número preto dun 33% (3.205 fogares) vivían persoas de 65 ou máis anos. Na actualidade, a falta da actualización deses datos do INE, estímase que a poboación maior que vive soa no noso concello podería achegarse ás 4.500 persoas. E, sen dúbida, baixo a frialdade dos números existen realidades moi diversas que é preciso coñecer e tratar de afrontar.