miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Amplíase o prazo de inscrición para o concurso de debuxo infantil e xuvenil da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos

Amplíase o prazo de inscrición para o concurso de debuxo infantil e xuvenil da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos
Amplíase o prazo de inscrición para o concurso de debuxo infantil e xuvenil da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos

Para dar a coñecer a iniciativa, que a día de hoxe conta con máis de 50 participantes, creouse o vídeo “A vivenda ideal” con música da cantante Uxía 

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia convocou o I Premio “Arquitectura para un mundo mellor” para dar a coñecer entre os máis novos a importancia que ten a arquitectura na calidade de vida da sociedade. Baixo o lema “A vivenda ideal”, o concurso está dirixido a nenos e mozos de ata 18 anos que poderán participar presentando un debuxo ou imaxe orixinal, realizado con calquera material ou técnica.

O certame pretende que a mocidadereflexione sobre como quere que sexan os espazos nos que se vive, e indagar se se axustan as súas necesidades e que cambiaría deles. Segundo explica o presidente da Delegación, Ángel Cid, a situación actual do estado de alarma a causa da pandemia do COVID-19 provocou que toda a cidadanía estea confinada nas súas vivendas, tendo tempo de sobra para percorrer todas as habitacións en busca de novos lugares de xogo, novos agochos, espazos nos que estar sos ou co resto da familia.

O prazo de inscrición ampliouse ata o 14 de xuño ante o interese suscitado nos centros escolares, que solicitaron á Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos máis tempo para que os alumnos poidan preparar os traballos e así poder encaixar esta acción dentro das actividades escolares no contexto actual do curso escolar afectado pola crise sanitaria. Actualmente, están inscritos no certame máis de 50 rapaces.

O xurado estará composto por arquitectos e profesionais do mundo da educación cunha dilatada experiencia en ámbitos artísticos, presidido por profesionais das artes gráficas de recoñecido prestixio como son o historietista e ilustrador Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic e membro da Real Academia Galega de Belas Artes, e o caricaturista Luis Davila, coñecido polas súas viñetas de O Bicheiro no diario Faro de Vigo. Dos traballos presentados, o xurado valorará a idea e a expresión gráfica do debuxo ou imaxe presentadas.

Para axudar na difusión do premio, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos  creou un vídeo promocional, que ten de banda sonora a canción “Alalá das Mariñas” da cantante Uxía, para animar aos máis pequenos a inscribirse no certame e demostrar a súa faceta artística.


Os interesados en participar deberán cubrir un formulario de inscrición, con seus datos persoais e de contacto e título do traballo. Se o participante é menor de idade necesitará a autorización dos seus pais ou titores. O debuxo ou imaxe deberá presentarse en formato dixital (jpg, png, ou pdf).

O concurso está dividido en cinco categorías por ideades: de ata 5 anos, de 6 a 9 anos, de 10 a 12 anos, de 13 a 16 anos e de 17 a 18 anos. Outorgaranse dous premios por categoría, un primeiro premio dunha tarxeta agasallo por un importe de 200 euros en material de educación plástica ou libros e un segundo premio dunha tarxeta agasallo de 100 euros para o mesmo material. Ademais, todos os participantes premiados recibirán un diploma acreditativo emitido pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia. Mesmo o xurado poderá conceder, se o considera oportuno, accésits, premios extraordinarios ou mencións honoríficas.

A concesión dos premios comunicarase aos gañadores e publicarase na páxina web https://arquitecturaparaunmundomejor.com, nun prazo dun mes a partir da finalización da inscrición.

Comentarios
Lo más