Piden ao Concello que permita o acceso pola rúa de San Pedro aos residentes na praza e praciña de Belvís
Os Populares recibiron varias demandas neste sentido por parte dos veciños que viven nesta zona, que consideran necesario incluír estas rúas no ámbito de autorización de tarxetas habilitantes de acceso, paso e parada
O concelleiro do Grupo Municipal Popular, José Antonio Constenla, presentará, no Pleno ordinario deste xoves un rogo no que solicita ao Goberno de Sánchez Bugallo que autorice o acceso pola rúa de San Pedro aos residentes na praza e praciña de Belvís. Os Populares recibiron varias demandas neste sentido por parte dos veciños que viven nesta zona, que consideran necesario incluír estas rúas no ámbito de autorización de tarxetas habilitantes de acceso, paso e parada desde a rúa de San Pedro.
Cabe lembrar que os cambios introducidos na mobilidade a raíz do proxecto de peonalización da rúa de San Pedro supuxeron unha limitación dos accesos, co obxectivo, segundo o estudo de mobilidade realizado pola empresa TUSSA, de eliminar o tráfico de paso dos vehículos cara a outros puntos da cidade e permitir exclusivamente aqueles con destino o ámbito do propio barrio.
Con ese fin, púxose en funcionamento un control de accesos e expedíronse tarxetas habilitantes, tanto de residencia como de paso e parada, para permitir o tránsito para os residentes e para aqueles que necesiten acceder ao barrio para calquera tipo de xestión xustificada.
Dentro do ámbito (Zona 3) para o que se concederon as autorización, atópanse, loxicamente, a Calzada de San Pedro e a rúa de Belvís, que teñen a súa entrada natural e tradicional pola rúa de San Pedro, pero as autorizacións non contemplan as vivendas que lindan coa Praza e coa Praciña de Belvís, segundo nos teñen informado os propios residentes nesa zona.
Desde hai tempo, estes residentes xa teñen trasladado esta circunstancia ao Goberno local a través do rexistro, pero ata o momento non tiveron resposta algunha.