Solicitan ao concello que reordene a venda ambulante en Santiago
O Grupo Municipal Popular centra a súa proposta no mercado de Salgueiriños por ser o de maior incidencia no conxunto da venda ambulante no Concello e considera que o goberno municipal debe elaborar un Plan específico que de resposta á nova situación pero tamén que esta sexa unha oportunidade para o relanzamento do propio mercado
O Grupo Municipal Popular considera que a situación actual é unha oportunidade para reordenar e actualizar a venda ambulante en Santiago, sobre todo, no mercado de Salgueiriños, que leva tempo nunha situación bastante frouxa, sen unha liña de traballo clara por parte do Concello.
Esta é unha vella reivindicación dos Populares que consideran que, é necesario que Goberno municipal decida se aposta ou non por revitalizar este espazo e, polo tanto, a venda ambulante da cidade. Para elo, tal como indicou a concelleira, María Antón, “é preciso que, desde a Administración municipal, se elabore un Plan de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños acorde á nova situación e que este sexa unha oportunidade para o relanzamento do propio mercado, garantindo así a máxima seguridade para os vendedores e os clientes e proporcionando unha contorna de confianza e certeza”.
Para o Grupo Municipal Popular é imprescindible traballar en diferentes eidos para cumprir cos requisitos establecidos para as diferentes fases da desescalada así como a normativa xerada ao efecto polo Goberno central. Os Populares suxiren unha serie de actuacións para acadar unha nova configuración do mercado, partindo da imprescindible descrición planimétrica de cada un dos postos que deben gardar a distancia de seguridade correspondente; o deseño de rúas más amplas para unha circulación máis ordenada, incluso establecendo un percorrido; e a identificación dos postos, cunha placa plastificada situada nun lugar visible, onde consten os principais datos do posto.
Outro dos aspectos principais nos que se debe traballar é na seguridade e a información, polo que se debería establecer unha caseta ou punto de entrada con produtos de seguridade hixiénica como xel hidroalcóholico, luvas ou máscaras para os clientes; un folleto coas instrucións a seguir para o mantemento das condicións hixiénico-sanitarias dos produtos á venda, tanto para os vendedores como para os clientes; e un plano do mercado co número de postos e o percorrido a seguir.
No que atinxe á venda, debería existir unha determinación clara dos produtos que se poden vender no mercado e establecerse unha separación entre as diferentes tipoloxías de produtos á venda, establecendo áreas homoxéneas.
Os Populares, destacan que nesta planificación habería que incluír tamén o mercado de antigüidades da Praza de Cervantes e, de forma prioritaria e coa regulación que sexa necesaria, ás persoas que ata antes do estado de alarma viñan vendendo tradicionalmente produtos de horta nos arredores da Praza de Abastos.
Para que esta reorganización sexa realmente eficiente, precisa dunha revisión e actualización de todas as licenzas vixentes, co que pode ser unha oportunidade para regular aos que están operando sen a correspondente autorización municipal.
Para os Populares, a renovación necesita a implicación dos colectivos que operan nos mercados, que sintan que estas novas medidas son imprescindibles para garantir a continuidade e a competitividade dos mesmos. Para elo, é necesario que, unha vez restablecidos os mercados e a confianza, será necesaria unha campaña de dinamización para estimular a súa existencia.