Hostalaría propón a peatonalización de varias rúas para a ampliación das terrazas
Moitos locais non poden cubrir o 50% de aforo se separan as mesas para manter a distancia de seguridade exixida
Este venres 8 de maio, celebrarase a primeira das reunións telemáticas da comisión que a Asociación Hostalaría Compostela solicitou ao Goberno local para tratar diferentes medidas que axuden a paliar a grave crise económica que atravesa o sector a consecuencia da pandemia do Covid-19.
En concreto, a entidade xa trasladou á concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, a necesidade de ampliar en toda a cidade a superficie útil das terrazas, que poderán abrir cun 50% da súa capacidade a partir deste luns, 11 de maio.
Hostalaría Compostela subliña que "son moitos os locais que, tendo que separar as mesas para manter as distancias de seguridade recomendadas, non poderían cubrir nin sequera esa metade de aforo permitido se non se amplía o seu espazo".
Así, dende a entidade consideran que "en moitas zonas da cidade pódese gañar espazo reducindo a presenza dos coches, limitando tan só o seu paso para o acceso ás vivendas e garaxes". Nese senso, solicita a peatonalización das seguintes rúas: Santiago de Chile, Fernando III O Santo, Rúa Nova de Abaixo e Santiago del Estero.
Ademais, para aqueles locais que non teñen a posibilidade de ter terraza, demanda que se poidan establecer puntos de apoio das consumicións.