miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia lanza o Premio “Arquitectura para un mundo mellor” cun concurso de debuxo infantil e xuvenil

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia lanza o Premio “Arquitectura para un mundo mellor” cun concurso de debuxo infantil e xuvenil
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia lanza o Premio “Arquitectura para un mundo mellor” cun concurso de debuxo infantil e xuvenil

Baixo o lema “A vivenda ideal”, rapaces de ata 18 anos reflexionarán sobre como queren que sexan os espazos nos que viven 

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia convoca o I Premio “Arquitectura para un mundo mellor” para dar a coñecer entre os máis novos a importancia que ten a arquitectura na calidade de vida da sociedade.

O obxecto do certame é que a mocidade reflexione sobre como quere que sexan os espazos nos que se vive, se se axustan as súas necesidades e que cambiaría deles. Segundo explica o presidente da Delegación, Ángel Cid, a situación actual do estado de alarma a causa da pandemia do Covid-19 provocou que toda a cidadanía estea confinada nas súas vivendas, tendo tempo de sobra para percorrer todas as habitacións en busca de novos lugares de xogo, novos agochos, espazos nos que estar sos ou co resto da familia. “Ademais de ter tempo para xogar, ler, pintar, tocar un instrumento, bailar, cantar, estudar, cociñar ou chatear con amigos e familia, tamén hai momentos nos que pensar que cousas nos gustan e que cousas no nos gustan das nosas casas” –sinala–.

Baixo o lema “A vivenda ideal”, o concurso está dirixido a nenos e mozos de ata 18 anos que poderán participar presentando un debuxo ou imaxe orixinal, realizado con calquera material ou técnica. O prazo de presentación dos debuxos estará aberto do 11 ao 31 de maio. Deberán cubrir un formulario de inscrición, con seus datos persoais e de contacto e título do traballo, e se o participante é menor de idade necesitará a autorización dos seus pais ou titores. O debuxo ou imaxe deberá presentarse en formato dixital (jpg, png, ou pdf).

O xurado estará composto por arquitectos e profesionais do mundo da educación cunha dilatada experiencia en ámbitos artísticos, presidido por un profesional das artes gráficas de recoñecido prestixio. Dos traballos presentados, o xurado valorará a idea que motiva o traballo e a expresión gráfica do debuxo ou imaxe presentada.

Para acompañar a difusión do concurso, a cantante Uxía cedeu á Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos a canción “Alalá das Mariñas”, que se pode escoitar en https://open.spotify.com/track/6ihATfSvcQnGvMdHqoGMes.



Mecenado de entidades

O concurso está dividido en cinco categorías por ideades: de ata 5 anos, de 6 a 9 anos, de 10 a 12 anos, de 13 a 16 anos e de 17 a 18 anos. Outorgaranse dous premios por cada categoría, un primeiro premio dunha tarxeta agasallo por un importe de 200 euros en material de educación plástica ou libros e un segundo premio dunha tarxeta agasallo de 100 euros para o mesmo material. Ademais, todos os participantes premiados recibirán un diploma acreditativo emitido pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia. Mesmo o xurado poderá conceder, se o considera oportuno, accésits, premios extraordinarios ou mencións honoríficas.

A concesión dos premios comunicarase aos gañadores e publicarase na páxina web https://arquitecturaparaunmundomejor.com nun prazo dun mes a partir da finalización da inscrición.

Para darlle máis empuxe, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia habilitou un proceso de mecenado para que as entidades que o desexen se poidan adherir á convocatoria do concurso. Os mecenas interesados deberán poñerse en contacto coa Delegación, a través do formulario destinado a tal efecto na páxina web https://arquitecturaparaunmundomejor.com, co fin de que as súas aportacións se traduzan en máis premios para os participantes.

Comentarios
Lo más