miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Máis iniciativas para impulsar o Polo de Innovación en Biotecnoloxía

Máis iniciativas para impulsar o Polo de Innovación en Biotecnoloxía
Máis iniciativas para impulsar o Polo de Innovación en Biotecnoloxía

A mesa de traballo executiva do “Acordo da Sionlla” celebrou unha xuntanza por videoconferencia para analizar a situación actual do proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía. Concluíu que cómpre seguir impulsando esta iniciativa, primeiramente coa celebración da Mesa Institucional a partir do mes de xuño, reunión que fóra aprazada en marzo pola declaración do estado de alarma como consecuencia da COVID-19.

As institucións participantes acordaron poñer en marcha un plan de acción para avanzar e impulsar a creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, con actividades de marketing para darlle visibilidade, así como accións para captar empresas e investidores. Tamén decidiron incluír neste plan as entidades coas realizaron contactos nos últimos meses, como por exemplo o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), International Iberian Nanotechnology  Laboratory (INL) e o Hub de Innovación Dixital DATA LIFE. Ademais, a mesa executiva decidiu estudar a inclusión no plan de acción dunha estrutura de xestión para o proxecto, así como definir os prazos para a súa creación.

O Polo de Innovación en Biotecnoloxía será unha área industrial ubicada no parque empresarial da Sionlla de Santiago de Compostela, onde os diferentes actores do ecosistema biotecnolóxico de Galicia, principalmente empresas, poidan desenvolver a súa actividade en infraestruturas adaptadas a sus necesidades, xa sexa a través de espazos industriais como de servizo especializados.

Asistiron á reunión representantes da Asociación Área Empresarial de Tambre, Consellería de Economía, Emprego e Industria, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Concello de Santiago, Universidade de Santiago e Cámara de Comercio de Santiago.

Comentarios
Lo más