O BNG súmase ás reivindicacións do Primeiro de Maio e reclama maior coordinación entre administracións para recuperar o emprego
“Desde a Xunta e o Estado se pode facer moito máis para reactivar a economía e evitar a precariedade laboral”, explica Goretti Sanmartín
A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou “maior coordinación entre administracións para recuperar o emprego e os dereitos laborais ante a pandemia do coronavirus”. O BNG súmase á convocatoria para cantar a Internacional ás 12:00 nas fiestras este Primeiro de Maio.
Nesta crise producida polo covid-19 aflorou unha realidade oculta derivada, en boa medida, pola economía somerxida onde predominan a precariedade e as discriminacións de xénero, que xunto á emigración, desmantelamento da industria e deslocalización de empresas que sufriu Santiago de Compostela na última década provoca que milleiros de persoas teñan que acollerse á axuda para produtos básicos de alimentación e hixiene.
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos ao primeiro trimestre de 2020, en Santiago incrementouse en 3,6 puntos a taxa de paro e sitúase nun 8,8%, deste xeito foi a cidade galega onde máis subiu esta porcentaxe. Ademais, rexistra 1.000 persoas empresarias menos que hai un ano e 500 menos que en decembro de 2019, o que revela unha progresión que non só vén derivada da crise do coronavirus. En canto ás persoas asalariadas, están rexistradas 25.900 o que supón 2.200 menos que no trimestre anterior.
Goretti Sanmartín expresou a súa preocupación polo feito de que a metade das empresas asociadas á Cámara de Comercio estean baixo unha situación de ERTE e que aínda non cobrasen a prestación que lles corresponde. “Isto é un defecto por parte das administracións, que non facilitan este pagamento e dificulta as economías domésticas e empresariais, pois neste tempo as empresas teñen que seguir a abonar recibos de gasto corrente, préstamos, alugueiros e outros gastos cando levan case dous meses sen percibir ingresos ao non poder exercer a actividade”, explicou.
Neste sentido, o BNG aposta por coordinar desde as distintas administracións as políticas para frear o paro, a emigración e os recortes de dereitos laborais “porque desde a Xunta e o Estado se pode facer moito máis para reactivar a economía e evitar a precariedade”. Defende tamén medidas para a diversificación económica e a reorientación de negocios que estaban vinculados en exclusiva ao turismo, tendo en conta que vai ser un dos principais sectores afectados por esta crise.