Hostalaría Compostela ve inviable a apertura dos locais cun 50% da súa capacidade
O sector está moi preocupado polas medidas de volta á actividade que anunciou onte opresidente do Goberno
Tralo anuncio feito onte polo presidente do Goberno das medidas que se van poñer en marcha para a reactivación da actividade no sector da hostalaría durante esta pandemia da Covid-19, a asociación de hostelería de Compostela emitiu un comunicado no que amosa a súa desconformidade e preocupación. “Está claro que non tiveron en conta ao sector. Estas medidas que acaban de anunciar perxudican moito á nosa economía”, sinala a presidenta, Sara Santos.
En concreto, os hostaleiros cren que abrir os negocios con só o 30% da ocupación das terrazas durante a chamada Fase 1, co 30% de aforo no interior na Fase 2 e cun 50% na Fase 3 sería ruinoso para a maior parte deles. “É moi diferente un chiringuito de praia que os establecementos que temos aquí en Compostela”, opina Santos. “O aforo do 30% non é suficiente para manter os gastos que supón unha cafetería ou un restaurante. Nin cando sexa do 50% chegará. Vémolo totalmente inviable”, afirma.
ERTEs
Á espera de que se publique o real decreto que inclúa as diferentes fases anunciadas onte, Hostalaría Compostela está especialmente preocupada pola situación dos ERTEs, unha medida á que se acolleu o 90% dos asociados. A Asociación considera necesario mantelos para poder voltar á actividade. É, polo tanto, preciso saber como se realizará a súa flexibilización tendo en conta a circunstancia de forza maior na reincorporación progresiva dos traballadores. Tamén se pregunta se existirá a posibilidade de volver a solicitar un ERTE unha vez levantado, se é que algún local tivera esa necesidade.