jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Os grupos municipais fan as súas propostas para impulsar o turismo

Os grupos municipais fan as súas propostas para impulsar o turismo
Os grupos municipais fan as súas propostas para impulsar o turismo

PP e BNG presentan unha serie de medidas para fomentar e impulsar o turismo na cidade

O BNG quere trasladar as propostas para o Plan de Turismo que considera “insuficiente” e “inconcreto” en canto ás axudas para o mantemento de emprego, aplicación de protocolos para a prevención de contaxio do coronavirus e actividades ligadas ao sector cultural para atraer visitantes.

Deste xeito, Goretti Sanmartín destacou que este plan resulta insuficiente pola dotación económica, de 350.000 euros, con posibilidade ampliar con outros fondos externos en 150.000 euros máis, para un sector como o da hostalaría e turismo que move moitos postos de traballo e representa o 20% do PIB de Santiago de Compostela.

Mais tamén bota en falta unha planificación a curto e medio prazo sobre os mercados aos que se debe dirixir neste contexto “que debe ser de proximidade, interno e con primeira referencia no mercado galego, portugués e no Estado español”. Ademais, sinala que debe incluír un cambio de enfoque sobre “o modelo de turismo que queremos vender, con posibilidade turística e cultural, e que ten que ser relacionado coa identidade, coa sustentabilidade e coa gastronomía, cunha serie de referentes que avancen cara a un turismo de calidade e non masificado”.

“Entendemos que este plan de turismo debe incluír un convenio co sector para que poida desenvolver actividades culturais de pequeno formato que lle axuden tanto á hostalaría, turismo e cultura adaptadas a este tempo”, afirmou. Propón incluír tamén axudas para o acondicionamento de locais á nova normativa que regule os aforos e as medidas de seguranza para a prevención do coronavirus.

Maior planificación

Ademais, reclama que se concreten as medidas pois “hai un problema de planificación” para o seu desenvolvemento e afirmou que “desde o BNG coincidimos coas propostas que se fixeron desde a Asociación de Hostalaría, como facer na primeira quincena de xullo a festa do Banquete de Conxo cunha festa extensiva a toda a cidade, de facer animación de rúa todo o mes de agosto en formatos pequenos e de reforzar as actividade gastronómica como o “Santiago É Tapas” dirixido fundamentalmente á poboación local e galega, xunto con organizar para o último trimestre do ano unha gran feira do viño, unha iniciativa do BNG que foi aprobada en Pleno, onde as denominacións de orixe galegas poidan ter un lugar especial.

“Entendemos que ten que haber unhas actividades programadas que sirvan para pensar que tipo de turismo queremos e aproveitar para poñer en valor moita parte do noso patrimonio descoñecido para que sexa foco de atracción, pero o fundamental é tamén lanzar unha campaña de seguranza clara e de cumprimento dos locais e para iso fan falta axudas para adoptar os protocolos de prevención”, advertiu.

Así, desde o BNG reclámalle ao Goberno local e a Incolsa “clareza e máis concreción a respecto de cara onde queremos ir e que facer co modelo do sector turístico”, concluíu.

O Grupo Municipal Popular presenta no Consello extraordinario de INCOLSA unha serie de medidas

Este mércores, día 29, celébrase un Consello extraordinario de INCOLSA, polo que o Grupo Municipal Popular presentou varias iniciativas destinadas a apoiar o sector do turismo na crise do Covid-19. No Partido Popular, entenden que é o momento de traballar en accións que reforcen o sector na cidade e, por iso, queren ser proactivos, achegando diferentes propostas a curto, medio e longo prazo.

Os Populares consideran que é necesario levar a cabo unha análise real e dinámica da situación do sector en todos os niveis tras o impacto do COVID-19. Para isto, é necesario a colaboración do sector para poder tomar decisións que realmente redunden na súa estabilización. Esta idea entronca coa proposta de creación dun observatorio turístico que permita monotorizar os datos e trazar estratexias a futuro.

O Grupo Popular propón distintas medidas como a reformulación da páxina web de INCOLSA, abrindo un microsite COVID-19, onde se colgue, de forma segmentada e ordenada, as diferentes informacións que afectan ao sector con enlaces directos ás páxinas web das institucións que as xeran, como Turespaña, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña, entre outras, co que se trasladaría aos profesionais do sector un portal ao que poder acudir para coñecer as diferentes novas.

Cabe sinalar que institucións internacionais como a Organización Mundial de Turismo ten un documento de traballo que inclúe apartados como “Apoio ao emprego e á economía a través das viaxes e o turismo”, que é un chamamento á acción para mitigar o impacto socioeconómico do COVID-19 e acelerar á recuperación, ademais de estudos e informes de consultoras como Deloitte ou a Fundación BBVA, que son interesantes para os profesionais e o público en xeral.

A ninguén se lle pasa por alto que as Redes Sociais estanse a converter na canle de comunicación durante o confinamento e moitas institucións e entidades de diferentes ámbitos están realizando programas e promocións a través de RRSS, polo que os Populares propoñen que desde a web de INCOLSA e as súas RRSS se potencien actuacións neste eido, como por exemplo:

  • Concurso: “Santiago desde a túa fiestra”, onde a veciñanza de Santiago se senta partícipe e se implique en amosar a cidade, nun momento no que as fiestras e os balcóns son os lugares de socialización e comunicación. Deste xeito, se recibirían as imaxes, libres de dereitos e sen visualizar persoas, que presentarían diversos recunchos de todo o municipio.
  • GastroSantiago, contando cos principais restauradores de Santiago que poderían gravar unha receita desde o seu local ou casa.
  • Microanuncios dos guías de turismo explicando os elementos patrimoniais máis salientables da cidade ou de axentes culturais das diferentes disciplinas salientando a fortaleza e a diversidade da cultura da cidade.

Plan de formación

Outra das propostas que achegaron os Populares consiste na execución dun Plan de formación para o sector turístico, deseñando cursos específicos para turismo e abrindo unha liña nova de cursos on line para o ámbito cultural e de turismo en relación coa natureza e o medioambiente. Sobre todo, tendo en conta que os cursos aprobados polo Concello, dentro do Plan de reactivación económica, son insuficientes, xa que só inclúen o curso específico de turismo e ningún sobre cultura.

O Grupo Municipal do PP, considera positivas as propostas do Goberno municipal de implementar medidas para reducir a carga impositiva sobre o sector, pero solicita que se exploren outras posibilidades que axuden a manter o emprego dos autónomos e PYMES.

Os Populares tamén aproveitaron esta reunión para plantexar medidas máis a medio ou longo prazos, posto que os sectores de turismo e cultura van a ser dos últimos en recuperar a total normalidade, co que sería importante empezar a activar medidas intersectoriais para aproveitar sinerxías como a creación de produtos turísticos que unan cultura-ocio-gastronomía, con ou sen aloxamento, para potenciar o consumo entre a propia poboación da cidade para favorecer o consumo de proximidade e o turismo doméstico, xa que vai ser o primeiro que se poida recuperar, aproveitando accións que están no calendario e consolidadas como Curtocircuíto ou Cineuropa, o concurso Santiago (é) Tapas, reforzando o fortalecendo todo o que sexa a programación de Nadal, así como creando outras iniciativas para desenvolver no primeiro trimestre do 2021.

Así mesmo, o Grupo Popular propón que se ofrezan novos servizos, crear a tarxeta Santiago Pass, cunha ampla carta de servizos e descontos no entramado turístico/cultural/comercial que sexa atractivo para os clientes; reactivar o Foro MICE, xa que debe ser un dos piares do portafolio turístico de Santiago e nesa liña unha das actuacións que deben valorarse é un investimento por parte do Consorcio de Santiago no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.

Axudas ao sector

O Grupo municipal Popular, insiste en que a sostibilidade será un dos eixos máis valorados no turismo do futuro, é necesario preparar os establecementos para ofrecer mellores servizos de forma eficiente contribuíndo así a minimizar a pegada de carbono da cidade. Por iso, propoñen axudas directas ao sector que permitan renovar os equipamentos turísticos e a introdución das novas tecnoloxías na comercialización e atención turística.


Os Populares recoñecen que, na situación que estamos a vivir, é difícil marcar unha estratexia de recuperación deste sector, cando non se coñece como será a reapertura das distintas tipoloxías e servizos que o conforman. Por elo, o Grupo Popular considera imprescindible que o goberno municipal teña unha partida económica reservada co fin de poder establecer liñas de actuación que realmente axuden ao sector do turismo a recuperar a súa actividade con plena seguridade e confianza, unha vez se coñezan as medidas do Goberno central e os requisitos que se esixirá para o inicio da actividade do sector.

Comentarios
Lo más