Santiago conmemora o día do libre a través da rede
Participan na celebración desta efeméride a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, a Biblioteca de Galicia ou o Museo das Peregrinacións e de Santiago
As dotacións culturais da Xunta de Galicia en Santiago celebran o Día do Libro cunha programación de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, especialmente neste contexto de confinamento. As iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo abranguen a recomendación de exemplares únicos, a creación de historias colaborativas ou a posibilidade de descargar distintas publicacións.
Relato colectivo na Ánxel Casal
Unha das dotacións que participa na celebración desta efeméride é a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, que creará a partir de hoxe unha historia colaborativa a través de Twitter baixo o título Conto a moitas mans. Este conto comezará cunha pequena frase de arranque que estará seguido das instrucións para poder participar e que consisten en “copia, continúa a historia e comparte como comentario”. Ao remate, publicarase o relato completo e en función da extensión final realizarase un cartel ou unha publicación. Ademais, o Día do Libro publicarán unha serie de videorecomendacións de lecturas de amigos deste Biblioteca.
Exemplares únicos na Comunidade
Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, desde a Cidade da Cultura, destacará algúns títulos con exemplares únicos que se atopan na rede de bibliotecas da nosa comunidade autónoma. Tomando como referencia o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego, visibilizaranse algunhas obras estudadas polos técnicos da biblioteca dos que só unha biblioteca galega conserva un único exemplar.
‘Brookcrossing’ virtual
Os museos tamén ofrecen un amplo abano de actividades entorno a esta efeméride. Neste sentido, poderán descargarse ou consultarse as publicacións dispoñibles editadas polo Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Cómpre destacar que as actividades postas en marcha polos museos xestionados pola Xunta en Santiago hai que engadir a actividade da Consellería de Cultura e Turismo na que todos os anos toman parte os museos xestionados pola Xunta que é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.
Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.
Iniciativa #aculturasegue
Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.