jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

O Pino comezou a repartir as 10.000 mascarillas, dúas para cada persoa empadroado no municipio

O Pino comezou a repartir as 10.000 mascarillas, dúas para cada persoa empadroado no municipio
O Pino comezou a repartir as 10.000 mascarillas, dúas para cada persoa empadroado no municipio

Foron adquiridas con fondos propios do Concello

O Concello de O Pino empezou a repartir este martes as 10.000 mascarillas que mercou con fondos propios para entregarlle dúas a cada unha das persoas empadroadas no municipio. Finalmente, a Comisión municipal do COVID-19 decidiu onte o reparto porta a porta tamén en Arca, para evitar que as persoas que viven na capital tiveran que achegarse ata o concello. Na distribución participan persoal municipal, membros do goberno, directivos da Asociación de Veciños de Arca, da ANPA, do Club Atletismo O Pino e voluntarios de diferentes parroquias.

Despois de varias semanas de xestión, o pasado mércores chegaban ao concello as primeiras mil unidades e esta semana completouse o lote de dez mil mascarillas. Esta mañá estivéronse preparando os lotes para entregar en cada casa dúas a cada unha das persoas empadroadas no Pino.

Con esta iniciativa, o alcalde quere facilitarlle medidas de protección á veciñanza para evitar a propagación do coronavirus COVID-19. Aínda que inicialmente estaba previsto que os residentes en Arca se achegasen a recollelas á casa do concello, a Comisión municipal do COVID-19 decidiu onte que se entregasen persoalmente tamén na capital municipal, para evitar posibles aglomeracións e que as persoas tiveran que saír da casa.

Na tarefa de reparto que comezou esta tarde participan unhas 25 persoas, entre persoal municipal, membros do equipo de goberno, directivos da AAVV de Arca, da ANPA e do Club Atletismo O Pino; así como voluntarios das diferentes parroquias. Un participación que o alcalde “agradece a todos os que se ofreceron voluntarios e que nos permitirá que entre hoxe á tarde e mañá, mércores, pola mañá, rematar a distribución”.

Dende Lardeiros, Mercedes amosaba a súa satisfacción polas mascarillas que lle entregaron esta tarde. “Era imposible atopalas nas farmacias. Teño dúas nenas e cando ia a compra levaba unha bufanda. Por aquí hai moita xente maior que está sen elas e levaba xa tempo pedíndoas. Hai veciños que preguntaban como conseguir as mascarillas, e algún chamou incluso ao Concello para pedilas”.

“É unha boa iniciativa”, di Montse. “Somos catro persoas na casa e non tiñamos ningunha. Todos tiñamos dúbidas de se había que usalas ou non, por todo o que se escoitaba estes días. Agora as aproveitaremos”, sinala, considera esta veciña de Arca, que recoñece que “había moita expectación” entre os veciños “por saber cando chegarían. Algúns incluso dubidaban de que dende o Concello se chegarían a repartir”.

A dúbida quedou resolta esta tarde, cando se empezaron a repartir polas parroquias e no propio núcleo de Pedrouzo. En Arca, nas vivendas nas que non había ninguén na casa, o persoal que as estaba repartindo deixou as mascarillas no caixón do correo.

Unha vez completado o reparto, as mascarillas sobrantes van completar a dotación de material de protección remitido pola Xunta de Galicia para o persoal que traballa no Servizo de Axuda no Fogar e para o persoal municipal que fai labores de limpeza.

Comentarios
Lo más