A Área Empresarial do Tambre reanudou a súa actividade, cunha porcentaxe aproximada do 70-80
Empresas do polígono estreman as precaucións con desinfeccións en zonas comúns e moitos traballadores veñen xa cambiados das súas casas para non usar os vestiarios
A Área Empresarial do Tambre reanudou este luns a súa actividade coa volta ao traballo nos sectores non esenciais, cun regreso gradual e cunha serie de medidas preventivas para evitar a propagación do coronavirus, segundo as condicións orixinais do estado de alarma aplicado o pasado 14 de marzo.
O presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, explica que entre un 70 e un 80 por centro dos empregados regresaron aos seus postos de traballo nos sectores industrial e da construción, agás as obras en edificios habitados, polo risco de contaxio da Covid-19.
Alborés indica que hai máis actividade e tráfico de vehículos, con empresas traballando a porta pechada, aínda que a maioría non están a pleno rendemento. Por outro lado, sinala que a actividade dos centros comerciais de Costa Vella segue parada. Almacéns de materiais de construción están atendendo pedidos, aínda que non teñen todo o seu cadro de persoal. Tamén se retomaron as obras no Camiño Inglés ao seu paso polo polígono.
Sen atreverse a afirmar que esta decisión de regresar aos traballos non esenciais sexa a máis axeitada, o titular dos empresarios asegura que coa paralización da economía a situación agrávase máis, aínda que lembra que o primordial é a saúde da cidadanía. “O mellor é combinar a seguridade sanitaria coa reactivación laboral, sempre seguindo as indicacións dos expertos e do Goberno central” –advirte–.
Seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidad, a Asociación lembra ás empresas da área empresarial que, para facer fronte con efectividade ao coronavirus na volta ao traballo, deberá realizarse unha entrada gradual ao centro de traballo, a redución das quendas, o peche de áreas comúns, o mantemento da distancia de seguridade, preferiblemente de dous metros entre empregados, que ademais tamén se deberán tomar a temperatura e lavarse as mans frecuentemente.
Como mostra de que as cousas van “por bo camiño”, Alborés apunta que algunhas empresas xa traballan hoxe estremando aínda máis as precaucións, coas correspondentes desinfeccións en zonas comúns e baños, e destaca que moitos traballadores veñen xa cambiados das súas casas para non usar os vestiarios comúns.