jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Unhas 750 familias xa se benefician do uso do tícket especial de compra nos supermercados da cidade

Unhas 750 familias xa se benefician do uso do tícket especial de compra nos supermercados da cidade
Unhas 750 familias xa se benefician do uso do tícket especial de compra nos supermercados da cidade

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta este luns dos asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local

Unha das cuestións abordadas foi un informe de situación dos Servizos Sociais en canto ao funcionamento do programa de tícket especial de compra, que permite ás familias máis necesitadas a adquisición de alimentos e produtos de hixiene básicos en hipermercados e supermercados da cidade. A día de hoxe, son unhas 750 familias as que fan uso deste bono de compra.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, os Servizos Sociais do Concello xa autorizaran este tícket especial de compra para 729 familias do municipio, pero "estes días recibíronse unhas 30 solicitudes máis, que resolverán esta mañá, polo que estaremos roldando as 750 ou 760 familias beneficiarias". Indicou que "o obxectivo é manter este programa mentres dure esta situación especial, se ben tamén estamos á espera da decisión do Goberno sobre o ingreso mínimo vital".

No marco deste programa de tícket especial de compra, apuntou o rexedor, na Xunta de Goberno de hoxe deuse conta da "sinatura de novos convenios ou duplicación dalgún con cadeas de supermercados como Gadis, Alcampo, Carrefour ou Familia-Eroski".

Lembrou tamén Sánchez Bugallo que, ás familias beneficiarias do tícket especial de compra hai que sumar outras 174 familias ás que se lles distribúe alimentos directamente, os/as 255 nenos/nenas que fan uso do servizo de comedor escolar e o apoio prestado á Cociña Económica. 

Voluntariado
Volvendo ao coronavirus e a preguntas sobre a rede de voluntariado, lembrou que o Concello está centrando a súa utilización na atención domiciliaria, con "voluntarios/as que teñen algunha formación e experiencia acreditada", pertencentes a Protección Civil, Cruz Vermella, Cáritas... En calquera caso, o alcalde mostrouse "aberto a estudar perfís que nos poden ser útiles" e "non descartamos o voluntariado a través das asociacións veciñais, pero o que lles pedimos é que sexan moi prudentes e que realicen actividades que non entrañen risco, polo seu ben e polo ben das persoas que están axudando". 

Agradecemento e seguimento da mobilidade
Como en cada rolda de prensa, o alcalde aproveitou para agradecer "a todos cidadáns e institucións a súa colaboración, que fai posible que, nun escenario tan complicado como o actual, as cousas se estean levando cunha normalidade relativa e bastante pacífica". Finalmente, indicou que se vai realizar un seguimento diario da evolución do volume de tráfico, porque "a miña impresión persoal é que esta mañá se produciu un incremento significativo". En función desa evolución da circulación privada e tamén do uso do transporte publico, "iranse adoptando as medidas que procedan", concluíu. 

Comentarios
Lo más