Sábado sen aumento nos casos de coronavirus en Santiago
Segundo o informe de Sanidade, este sábado na área de Santiago rexistráronse 963 casos, os mesmos que o venres
Por primeira vez dende que o coronavirus fixo acto de presencia en Compostela viviuse unha xornada sen que aumentasen os casos na área sanitaria de Santiago. O informe elaborado cada día pola Xunta mostraba que o número de casos activos era de 963, os mesmos que no informe do venres.
Tal e como informa o SERGAS, mantivéronse os casos máis graves na UCI, 21 en total, 19 no CHUS e 2 no HM Rosaleda. En outras unidades de hospitalización convencional hai 164 pacientes, 7 menos: 80 no Clínico, 69 na residencia de Porta do Camiño, 11 na Rosaleda e 4 no hospital de Ribeira.
En canto ao número de mortes, este sábado rexistráronse tres novas mortes: un varón de 97 anos ingresado no Barbanza; outro de 84 anos, que estaba na Rosaleda; e unha muller de 90 anos ingresada no CHUS.