Martiño Noriega: "Feijóo está a facer todo o contrario do que debera, que é dotar de recursos á Atención Primaria para vencer a Covid-19"
Noriega lamenta que “Feijóo siga máis preocupado pola propaganda que pola xestión dunha crise que evidencia os resultados das súas políticas austericidas para a sanidade pública”
Martiño Noriega instou hoxe ao presidente da Xunta a dotar de recursos suficientes á Atención Primaria “que debe ter un papel protagonista na loita contra a Covid-19, como piar que é do noso sistema sanitario”. O portavoz de Compostela Aberta e integrante de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “a pandemia está evidenciando o que supuxeron as políticas austericidas da década negra de Feijóo para o noso sistema público de saúde”.
Martiño Noriega lembrou o enorme traballo que se desenvolve desde a Atención Primaria, “non só no combate da pandemia do coronavirus, senón tamén na prevención de calquera outro tipo de doenza”. Para el, este servizo “é o piar do noso sistema de saúde público, porque é o máis próximo á cidadanía e o mais efectivo, e por iso non se entende que Feijóo continúe a enfraquecelo”. O integrante de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “a Xunta está a facer todo o contrario do que debera, que é dotar de recursos á Primaria, non retirar os residentes estas semanas, organizar e coordenar mellor o servizo, e derivar a Atención Primaria o seguimento e control domiciliario dos doentes de coronavirus mediante o programa Telea”. Noriega pediulle a Feijóo “que deixe de pensar na propaganda dos hospitais de campaña, e atenda ao que di a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec)m que xa tén advertido que se a Atención Primaria non asume o seu protagonismo na crise do coronavirus, o sistema sanitario poderá colapsar antes do previsto".
O portavoz de Compostela Aberta lembrou a multitudinaria manifestación en defensa da Sanidade Pública que percorreu as rúas de Santiago o pasado 9 de febreiro, “e que tiña como unha das súas principais motivacións protestar contra o deterioro da Atención Primaria”. “Por desgraza”, engadiu, “é en momentos de crise como a actual cando nos damos conta con toda a súa crudeza do que significaron as políticas austericidas da década negra de Feijóo, co peche de numeros servizos sanitarios, co ocultamento das listas de espera e cunha precariedade laboral do persoal sanitario que é insoportable".
.