O Concello quere usar o superávit para a creación de emprego e rexeneración económica
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aproveitou a súa rolda de prensa para dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno Local extraordinaria para expresar o seu desexo de que o Goberno do Estado flexibilice a regra de utilización do superávit para que este poida ser destinado tamén á creación de emprego e á rexeneración da actividade económica.
Sánchez Bugallo apuntou esta posibilidade a propósito do plan para o pequeno comercio, emprendedores e autónomos que prepara o Goberno municipal e que "queremos empezar a implementar á volta de Semana Santa", contando coa previsión de que "antes de maio non se levante o estado de alarma". "Para ter os programas que necesitamos, precisariamos dúas cousas: dispor da liquidación do orzamento do ano pasado, que agardamos ter a semana que vén, e que o Goberno de España, ao igual que fixo co gasto social, permita tamén destinar superávit á creación de emprego e á recuperación da actividade económica".
En calquera caso, apuntou que a posta en marcha deste programa será posible coa aprobación definitiva dos orzamentos municipais para 2020, que entrarán en vigor en canto se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP), o cal, en palabras do alcalde, sucederá "presumiblemente, mañá venres ou o martes da semana que vén".Tamén ao fío dos orzamentos, a preguntas dos xornalistas sobre posibles bonificacións en taxas ou impostos, o alcalde indicou que "estamos estudando compensacións de servizos que non se puido facer uso deles". Apuntou que "o IBI xa está devengado" e pediu "coherencia", xa que "se hai menos ingresos, hai menos capacidade de outorgar axudas; e non é posible hoxe legalmente aprobar un orzamento con déficit ou con recurso ao endebedamento". Neste sentido, lembrou o custo extraordinario que para as arcas municipais están tendo as medidas adoptadas a raíz da crise sanitaria, que situou entre os 60.000 e os 80.000 euros semanais.